A Deputación de Pontevedra destina a entidades culturais da provincia un total de 1,5 millóns de euros
A Deputación de Pontevedra aprobou destinar en 2015 un total de 1,5 millóns de euros a actividades culturais na provincia de Pontevedra a través do Plan Cultural e da liña de subvencións para entidades sen ánimo de lucro.
O Plan Cultural contará cun orzamento de 650.000 euros e vai destinado a apoiar as distintas agrupacións musicais e artísticas da provincia, garantíndolles ata 10 actuacións anuais.
Destinatarios
Trátase dun programa que ten un enorme éxito e no que cada ano participan máis grupos. En 2014 foron 1.244 os grupos que se acolleron a este plan, integrados por unhas 30.000 persoas.
O Plan Cultural vai dirixido a bandas de música, masas corais, grupos folclóricos, grupos de gaitas, bandas de gaitas e agrupacións de música tradicional, clásica ou de teatro. As agrupacións interesadas en acollerse ó programa terán de prazo ata o 2 de febreiro de 2015.
No que respecta ás subvencións de apoio á cultura contan cun orzamento de 800.000 euros e van destinadas a entidades sen animo de lucro que traballen no fomento e a promoción da cultura.
Establécense 3 liñas de axuda diferentes: a primeira, cun orzamento de 350.000 euros, é para o financiamento de actividades culturais coma concursos literarios ou xornalísticos, festivais folclóricos, intercambios culturais ou certames; a segunda, para o financiamento de infraestruturas, cunha achega de 300.000 euros, está destinada á mellora, construción ou rehabilitación de centros culturais ou á restauración de monumentos; en canto á terceira, para instrumentos e vestiario, cunha achega de 150.000 euros, poderán acollerse a ela as entidades e asociacións musicais que precisen apoio para a adquisición ou arranxo de instrumentos ou vestiario propio.
O prazo de presentación de solicitudes remata tamén o vindeiro 2 de febreiro de 2015.











