A Deputación de Pontevedra destina 1 millón de euros para actividades de promoción cultural, social e deportiva
A Deputación de Pontevedra aprobou as bases que regularán o Plan de Acción Municipal 2015 co obxecto de apoiar os concellos da provincia na organización e financiamento de actividades de carácter social, cultural e deportivo.
A Administración provincial destinará a esta finalidade unha achega de 1 millón de euros, que os concellos poderán solicitar desde o día seguinte á publicación das bases ata comezos do mes de febreiro.
As axudas van destinadas ó financiamento de tres grupos de actividades orientadas á dinamización social, cultural e deportiva das entidades locais.
No ámbito cultural financiaranse actividades de difusión, artísticas, lúdicas e formativas, e na área deportiva poderán contar con apoio económico a organización ou participación en eventos deportivos, as actividades de fomento do deporte e as de formación deportiva.
No eido social poderán acollerse a esta liña de axudas as iniciativas destinadas á atención a persoas en risco de exclusión social, as de promoción de hábitos saudables e prevención de drogodependencias, a detección e atención a situacións de emerxencia social e as accións de formación, divulgación e promoción de carácter social.
En 2014 subvencionáronse 215 actividades en toda a provincia, das cales o 40 % foron actividades de carácter sociocultural, 80 festas tradicionais e populares, e 50 eventos deportivos.











