A Deputación de Pontevedra colabora nas galas de Unicef que se celebrarán en Vigo e Pontevedra
A Deputación de Pontevedra colabora con Unicef Comité Galicia na organización de dúas galas conmemorativas do 25 aniversario da Convención de Dereitos do Neno (aprobada por Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989).
Estas galas celebraranse en Vigo o vindeiro sábado 6 de decembro (ás 18.30 h no teatro do Centro Cultural de Afundación) e o domingo en Pontevedra, á mesma hora, no auditorio do Centro Social de Afundación. As entradas están á venda a cinco euros cada unha, en Servinova. A recadación íntegra destínase a Unicef Comité Galicia.
As galas serán presentadas polo actor, cómico e showman Rafa Durán e pola modelo e actriz Silvia Fominaya. Os espectáculos foron presentados esta mañá na sede viguesa da Deputación, coa presenza de varios dos artistas que as integrarán e do vicepresidente da institución provincial, José Manuel Figueroa, e a deputada Marta Iglesias.
O espectáculo terá unha duración aproximada de dúas horas e, entre outros artistas, intervirán a banda Big Bang Band, a cantante Lorena Lores, integrantes de Media Punta World Show Dance, o meigo Marco, a Escola de Danza de Susana Castro, e o pallaso Popín. Ademais contarase coa presenza da Banda Infantil da Unión Veciñal de Valladares, a Grow As Ohana baile e a Banda Xuvenil Municipal de Valga.
O vicepresidente da Deputación, José Manuel Figueroa, destacou a importancia de traballar a solidariedade e convidou a todos os cidadáns a sumarse a esta festa que fará posible que moitos nenos se vacinen, teñan auga potable ou simplemente poidan comer. Figueroa eloxiou “o altruísmo de todos os artistas invitados” ademais do “importantísimo” traballo desenvolvido por Unicef en todo o mundo.
As dúas galas enmárcanse dentro da campaña “Agora non Podemos Parar” de Unicef. E parten do feito de que nas dúas últimas décadas reducíronse á metade o número de nenos menores de 5 anos que falecen no mundo por unha causa evitable. Gloria do Río, a responsable provincial de Unicef, matizou con todo que este logro “no debe ocultar que aínda hoxe cada ano morren 17.000 nenos no mundo porque non teñen acceso a auga potable, carecen dunha nutrición adecuada, ou non teñen acceso a vacinas contra enfermidades coñecidas e erradicadas ou practicamente erradicadas en países desenvolvidos, como o sarampelo ou a polio”.
Desde que Unicef puxo en marcha esta campaña, recadáronse xa máis de 715.000 euros en toda España, cantidade coa que Unicef pode vacinar contra o sarampelo a 1,6 millóns de nenos; dar nutrición adecuada a 16.800 nenos, ou posibilitar o acceso á auga potable a preto de 850.000 nenos.
Para colaborar coa campaña “Agora Non Podemos Parar” pódese comprar unha entrada para calquera destas galas, ou enviar un SMS ó número 28028 coa palabra Unicef. O prezo do SMS é de 1,20 euros e destínase integramente a esta organización benéfica.











