A Deputación de Pontevedra colabora con COGAMI na posta en funcionamento dun Centro de Servizos de Formación e Emprego
Hoxe, 23 de decembro, ás 11:30 horas, no barrio de Navia (Teixuguerias, nº 15) en Vigo, tivo lugar a sinatura de convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e COGAMI para a reforma e posta en funcionamento do Centro de Servizos de Formación e Emprego, que albergará o centro de Servizos de Intermediación Laboral (SIL), Atención Social, Información e Asesoramento, aulas de Formación Ocupacional e outros servizos dirixidos ás persoas con discapacidade e ao movemento asociativo de COGAMI na cidade, destinados a favorecer a inclusión das persoas con discapacidade na sociedade.
A sinatura deste convenio foi realizada polo Presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o Presidente de COGAMI, Anxo Queiruga Vila, acompañados do Vicepresidente da Deputación, José Manuel Figueroa, a Deputada Provincial, Marta Iglesias, e o Coordinador de COGAMI en Pontevedra, Celso Álvarez.
COGAMI habilitará dito local coa colaboración da Deputación de Pontevedra, Fundación ONCE, estando á espera de resolución por parte de AGADER, o que completaría o financiamento total do proxecto. Espérase que o centro estea operativo ao longo do vindeiro ano e que teña capacidade para atender a 6.000 persoas, dos 27.000 usuarios que hai en toda Galicia. A achega da Deputación supón o 34% do gasto total da reforma do inmoble, orzada en 596.372 euros.
O Presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, agradeceu a colaboración da Deputación e destacou os servizos que prestará o novo centro e que atenderán “as necesidades de moitas persoas que agora carecen dunha sede física onde acudir”. Subliñou o feito de que o centro de Vigo sexa o único que faltaba para prestar este tipo de cobertura ás persoas usuarias de toda Galicia. A zona de Vigo é, ademais, a que máis persoas susceptibles de recibir este tipo de atencións ten en toda a comunidade autónoma.
O Presidente da Deputación, Rafael Louzán, pola súa banda, agradeceu o labor exercido desde COGAMI e destacou a necesidade de “colaborar cos colectivos de atención ás persoas con dificultades”. Afirmou que a Deputación segue incrementando o orzamento para estas necesidades e explicou que a Administración Provincial aumentou de maneira considerable o investimento destinado á acción social.











