A Deputación de Pontevedra aproba a mellora da intersección da EP A Cañiza-A Pousa coa PO-400
O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe a obra de mellora da intersección da estrada A Cañiza-A Pousa coa estrada PO-400, que obrigará a derrubar un garaxe.
Trátase dunha actuación moi pequena no antigo acceso a Crecente. A estrada foi totalmente urbanizada e acondicionada pero neste punto hai un garaxe abandonado e en estado semirruinoso, no que non se puido actuar porque non foi posible chegar a ningún acordo co propietario.
Por iso faise preciso acudir á vía da expropiación xa que nese punto se crea certo perigo para a seguridade viaria se non se acondiciona coma o resto da vía. É unha obra que unicamente requirirá demoler o garaxe e acondicionar a estrada.











