publicidade hoxe

A Deputación de Lugo entrega a Guitiriz a documentación técnica que lle redactou para desbloquear o centro de maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuitirizLugo
A-
A+

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, avanzaron este mércores que o organismo provincial rematou de redactarlle ao Concello de Guitiriz os documentos técnicos necesarios para desbloquear o proxecto de construción do centro de día e residencia públicos na Casa da Botica. Hoxe mesmo, técnicos da Deputación presentaron esta documentación no Rexistro de Guitiriz. Agora, con estes informes a súa plena disposición, o Concello xa pode tramitar a modificación puntual do planeamento municipal, coa súa exposición pública e aprobación polo Pleno, e conceder a licencia de obra ao organismo provincial.

García Porto destacou que “estes documentos técnicos, que tiña que elaborar o Concello, levaban moito tempo paralizados, todo este mandato, é dicir, máis de 3 anos. Os técnicos da Deputación déronlles solución en 15 días. Agora, o que falta é que o Alcalde de Guitiriz e o seu equipo de Goberno teñan a vontade de darlles trámite, aprobándoos no Pleno municipal e expoñéndoos ao público. Agardamos que o Alcalde, que sabe perfectamente debido a súa función particular como se solventan este tipo de trámites, os axilice ao máximo. Só lle pedimos que o faga xa. A Deputación ten apartados 1,2 millóns de euros para a construción dun centro de día e residencia públicos na Casa da Botica. Nas súas mans está ofrecer, dunha vez por todas, aos veciños novos servizos en impulso do benestar social e poñer en valor o patrimonio municipal, ante a evidente situación de abandono da Casa da Botica”. 

“Sensatez”

Regina Polín reclamou ao Alcalde “sensatez”, posto que “os habitantes de Guitiriz non merecen ter un edificio público municipal nestas condicións, como está a Casa da Botica, nin estar sen uns servizos socias fundamentais, feito que obriga que ducias de veciños estean en centros de Castro de Rei, O Incio, Quiroga, Outeiro de Rei…lonxe das súas casas e sen poder ver aos seus familiares e amigos durante tempo”. A Deputada tamén tivo palabras de agradecemento para os técnicos provinciais, “pola axilidade coa que redactaron esta documentación técnica que o Concello tiña paralizada”; para a plataforma cidadá Falemos Claro, “polo seu esforzo e impulso a este centro para maiores, que propiciou o diálogo entre administracións”; e para Gómez Besteiro, “que mantén este dotación social en Guitiriz, cando outros Concellos, tamén gobernados polo Partido Popular, a están a demandar ante o rexeitamento de Teixido”.

Solución máis áxil

Segundo a lei, é imprescindible que a normativa urbanística municipal recolla as necesidades do centro de día e residencia públicos na Casa da Botica para poder iniciar as obras. Para que isto sexa así, existen dúas posibilidades: esperar a aprobación do PXOM ou tramitar unha modificación puntual do planeamento municipal, solución moito máis áxil. A Deputación levaba tempo esperando a que o Concello fixese dita modificación. Ante a súa demora e logo dunha reunión coa plataforma cidadá Falemos Claro, o organismo provincial ofreceu ao municipio redactarlle os documentos técnicos necesarios para levala a cabo, informes hoxe en mans do Concello.  
 
A gran excepción

O centro de día e residencia públicos na Casa da Botica é unha das dotacións sociais incluída na rede pública de centros para maiores da Deputación. O organismo provincial está a desenvolver este proxecto social grazas á implicación de Concellos de todas as cores políticas. De feito, a institución luguesa está a construír os da Fonsagrada, Trabada, Castroverde, Pol e Pedrafita do Cebreiro, e, proximamente, prevé iniciar as obras dos de Navia de Suarna e Ribas de Sil, unha vez acadados os permisos legais correspondentes. 

Sen embargo, o centro para maiores de Guitiriz é a gran excepción deste proxecto. Mentres avanzan as obras das restantes dotacións sociais, todas de semellantes características, e se producen as primeiras reunións con Alcaldes de diferentes cores políticas e servizos sociais municipais para a súa posta en marcha, o Rexedor guitiricense mantén bloqueada a construción do centro de día e residencia públicos na Casa da Botica dente hai máis de tres anos. Facendo unha excepción co fin de achegar posturas e acadar unha solución, a Deputación creou unha Comisión de Seguimento específica para o proxecto de Guitiriz, incluíndo na mesma a Teixido. Dende entón, celebráronse 4 reunións. Á última, Teixido non se presentou, nin enviou a ningún representante do seu Goberno, nin técnicos municipais.

Durante estes máis de tres anos, a postura cambiante de Teixido foi a seguinte: primeiro rexeitou o proxecto porque a Casa da Botica é un lugar moi céntrico, que dificulta a tranquilidade dos usuarios; despois aceptou a súa situación, pero coa condición de abrir unha rúa alí mesmo, deteriorando a calidade asistencial e reducindo nun 50% as dimensións das instalacións; logo voltou a rexeitar o proxecto, alegando, erroneamente, que non contempla o servizo de centro de día; e, finalmente, voltou a negarse ao seu afincamento na Casa da Botica e propuxo afastalo do núcleo urbano, situándoo en Parga.

10 de decembro de 2014 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.