A Deputación da Coruña é pioneira ao colocar ao cidadán no centro da súa actividade administrativa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña vén de aprobar no Pleno desta mañá un documento que colocará á institución provincial na “vangarda” das administracións públicas. Trátase dun marco de actuación que regulará dende hoxe todas e cada unha das accións que se levarán a cabo co fin de lograr unha administración máis transparente e accesible.

“É unha guía na que se recolle todo o que debe ser unha boa administración. Así, inclúense todos os principios que a Deputación cumprirá e fará cumprir de agora en adiante”, explicaba o portavoz do goberno provincial, Manuel Ruíz Rivas, durante a sesión plenaria.

“Unha vez máis, a Deputación é pioneira ao colocar ao cidadán no centro de todos e cada un dos pasos da nosa actividade administrativa”, sinalaba o deputado, porque o obxectivo deste documento é que os veciños da provincia pasen de ser receptores de dereitos a protagonistas da actividade provincial.

Para iso, plásmanse neste texto unha serie de principios que a Deputación “cumprirá e fará cumprir” tan importantes como o da eficacia e eficiencia, de avaliación permanente, ética administrativa, claridade nos procedementos ou participación dos cidadáns, entre moitos outros, que a partir de agora se comezarán a concretar máis polo miúdo con accións concretas.

“Estou seguro de que o cidadán entenderá este paso como un compromiso desta, e das futuras corporacións provinciais, de achegarse a el nun momento en que as relacións entre os cidadáns e as administracións públicas non pasa polo mellor momento”, aseverou Ruíz Rivas.

A iniciativa do goberno provincial foi aprobada sen votos en contra e foi formulada polo presidente provincial como unha forma de culminar outras medidas postas xa en marcha por esta institución como o Portal de Transparencia Provincial (que asumiron moitos concellos da provincia), o Plan de emprego que reorganizou a estrutura funcionarial ou a recente posta en marcha da Central de Contratación.

Presenza de alumnos do IES Eusebio da Guarda

Coincidindo coa sesión plenaria na que se aprobaba este compromiso cos veciños da provincia, o Pleno contou entre o público con alumnos do instituto coruñés Eusebio da Guarda, que pretendían coñecer en directo en que consistía un Pleno provincial.

A súa visita foi consecuencia dunha invitación persoal do presidente da Deputación, Diego Calvo, que visitou o centro durante a semana escolar que os alumnos dedicaron a coñecer o sistema de Deputacións provinciais.   

Compromiso da Deputación con Oza-Cesuras  

Noutra orde de cosas, a Deputación da Coruña volve, unha vez máis, a demostrar o seu compromiso co concello fusionado de Oza-Cesuras, con novas obras de mellora na súa contorna rural.

Cunha achega de 96.000 euros, a Deputación asume o 80% dun proxecto que contempla varias actuacións urbanísticas e cuxo custo total ascende a 120.000 euros. A praza do Vinte pavimentarase para mellorar o seu uso como campo da festa e crearanse beirarrúas de 1,5 metros en Frais e Vilar de Costoia. Ademais, mellorarase a capa de rodadura e abriranse cunetas, incluíndo a reparación de fochancas en: Baldrís, Recemonde, Leirou, Brufe, Piñeiro de Vales, A Pena a Cabreira, Figueredo a Probaos, Os Loureiros, A Hemida, e no acceso ao local social de Borrifáns-Piñoi.

Tamén na comarca coruñesa, no Concello de Oleiros, investiranse 340.377,43 euros para mellorar a seguridade viaria na DP 5812 de Meirás ao porto de Santa Cruz.

O obxectivo do proxecto é mellorar a accesibilidade dos peóns coa construción dunha plataforma de entre 1,5 e 1,8 metros no lugar de Abeleiras. Así, enlazarase esta nova infraestrutura coa senda xa existente no lugar do Castro e cos tramos construídos no municipio de Sada. O novo proxecto iníciase así no punto quilométrico 1,480 e discorre por ambas as dúas marxes ata o 2,890, pero prolóngase polo lado dereito ata o 5,940 para unilo coas beirarrúas existentes.  

A actuación inclúe a canalización para a instalación de alumeado público, drenaxe lonxitudinal cos correspondentes pozos de rexistro e sumidoiros, o reforzo da capa de rodadura e a sinalización deste tramo co pintado da liña de borde de calzada, así como a rotulación en calzada de diferentes sinais.

Minuto de silencio

Antes de comezar o Pleno, os deputados gardaron un minuto de silencio polos tripulantes do barco naufragado na costa de Corrubedo, o Paquito II.

20 de decembro de 2014 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.