A Deputación da Coruña aproba axudas de máis de 60.000 euros para financiar proxectos solidarios de organizacións internacionais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Pleno da Deputación da Coruña vén de aprobar unha serie de convenios que se han asinar con diferentes entidades internacionais sen ánimo de lucro para financiar proxectos solidarios na India, Chad ou El Salvador. En total, a achega provincial suma máis de 60.000 euros.

O primeiro deles, que se asinará coa Asociación Semilla para el Cambio, ten como obxectivo facilitar a colaboración provincial co proxecto de apoio sanitario no barrio de Sigra-Varanasi (India). A axuda da Deputación, dun total de 5.540 euros, destinarase a cubrir as necesidades sociais básicas de saúde a grupos en situación de risco, contribuíndo así á inclusión social e á loita contra a pobreza. Así, financiaranse gastos médicos, axudantes, especialistas, tratamentos dentais e oftalmolóxicos, coordinador, medicamentos, material de oficina…  

Tamén o Pleno da Corporación provincial deu saída, por unanimidade, á sinatura dun novo convenio de colaboración coa Fundación Entreculturas Fe y Alegría, co obxecto de financiar o acceso a infraestruturas educativas de calidade en tres escolas de Fe y Alegria-Chad. Desta actuación poderán beneficiarse un total de 535 alumnos e na construción das novas infraestruturas participarán tanto as comunidades locais como as asociacións de pais e nais. Segundo o texto do convenio, construirase un bloque de tres aulas na comunidade de Tchelati; a delimitación cun cerco de arame de protección das escolas de  Dongom Bidio e Djeguere, así como o seu equipamento con 66 mesas e bancos. Neste caso, a achega da Deputación é de 35.000 euros, o que supón o 76,66% do orzamento total, de 45.656,73 euros.

O terceiro convenio asinarase coa ONG Farmacéuticos Mundi e ten coma obxectivo a colaboración no fortalecemento do sistema nacional de fármaco-vixilancia en El Salvador. Segundo o texto do acordo, trátase dun proxecto de detección, avaliación e prevención de reaccións adversas, fallos terapéuticos e de calidade dos medicamentos. Ademais, traballarase na promoción do seu uso racional, unha cuestión incluída na reforma do sistema de saúde posto en marcha en El Salvador e que conta con máis de 900 profesionais traballando en centros de saúde cunha media de 50.000 pacientes.

Coa achega provincial, de preto de 20.000 euros, financiaranse o material e o equipamento necesario para a mellora dos sistemas de almacenaxe de medicamentos e enseres médicos dos hospitais.

29 de decembro de 2014 | 13:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.