publicidade hoxe

A Deputación da Coruña achega 110.000 para o acondicionamento e climatización da piscina municipal de Centieiras en Fene

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFene
A-
A+
Diego Calvo xunto ao alcalde de Fene

Diego Calvo xunto ao alcalde de Fene

A Deputación da Coruña achegará 109.413,68 euros ao Concello de Fene para mellorar as instalacións da piscina municipal de Centieiras.

Segundo explicou o propio alcalde, Gumersindo Galego Feal, o centro ten bastantes carencias e, de feito, xa asumiu con fondos propios a renovación das caldeiras. Agora a Deputación súmase a este proceso de renovación con esta achega para realizar distintas actuacións de acondicionamento e climatización ambiental.

En concreto, substituiranse os deshumificadores do soto, co que se logrará reducir a humidade e cumprir cos baremos establecidos.  Así mesmo, repararase o exterior do edificio, actualmente en moi mal estado. Repararase tanto o revestimento das fachadas, de madeira tratada, como a cuberta.

Por último, vaise proceder tamén a un cambio na localización do ximnasio, que pasará a estar no primeiro andar, nun espazo reservado para cafetería, pero agora en desuso. Polo tanto, o lugar no que agora se atopan as máquinas de musculación adaptarase como sala de actividades monitorizadas.

A Deputación asume en solitario o custo de todas estas actuacións a través dun convenio asinado esta mañá entre o alcalde e o presidente provincial, Diego Calvo, que destacou a importancia de colaborar con este proxecto para mellorar a calidade de vida dos veciños de Fene.

3 de decembro de 2014 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.