A D.O. Rías Baixas entrega os diplomas da Cata das Anadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Entrega de diplomas

Entrega de diplomas

A Denominación de Orixe Rías Baixas entrega hoxe os 51 premios da quinta edición da Cata das Anadas de Rías Baixas, que este ano se celebrou por primeira vez en Madrid e contou coa colaboración da Unión Española de Catadores. O acto, celebrado no Parador Nacional do Albariño en Cambados, contou coa participación do presidente do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas, Juan Gil de Araujo; a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; o alcalde de Cambados, Luís Aragunde; e representantes de adegas da denominación.

No evento, quedou patente a aposta do Consello Regulador por mostrar as posibilidades de garda dos viños Rías Baixas e o potencial enolóxico das distintas variedades amparadas. Nesta cata das anadas participaron 50 adegas cun total de 95 mostras de viños de anadas comprendidas entre 2005 e 2012. O panel de cata constituído para a ocasión estivo integrado por 27 expertos. Deles, 8 pertencen ao panel do Consello Regulador e 19 ao panel externo, formado por xornalistas especializados en viños, responsables de compras de diversas empresas e catadoras de prestixiosos establecementos do sector da restauración e a hostalaría.

Precisamente, ao final da cata, celebrada fai un par de semanas, Silvia García, catadora do restaurante Kabuki Wellington, explicaba que “é fundamental que se realicen este tipo de catas, xa que os Rías Baixas son os viños brancos con máis capacidade de envellecemento de España e ao cliente final hai que ensinarlle, porque ademais quere aprender”.

Neste sentido, Eva Alonso, directora comercial en Madrid de Vila Viniteca, tamén integrante do panel de cata, comentou que “é máis fácil venderlle o viño ao catador que ao cliente final” e destacou que lle gustaron moito as anadas máis antigas, especialmente a de 2006, subliñando así as calidades dos viños Rías Baixas e a súa capacidade para gañar adeptos en novos mercados.    

9 de decembro de 2014 | 20:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.