A Coruña acolle pezas de Laxeiro, Quessada, Lugrís ou Luis Seoane na exposición ‘A Nosa Plástica’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Europa Press
Unha das obras de Lugrís exposta

Unha das obras de Lugrís exposta

A exposición ‘A Nosa Plástica’, organizada por Desprogal Gestión Cultural en colaboración coa galería José Lorenzo, pon a disposición do público dende este venres un “percorrido polas xoias ocultas da arte galega” con máis de 40 pezas de artistas entre os que se destacan Laxeiro, Xaime Quessada, Urbano Lugrís ou Luis Seoane.

A mostra, que estará instalada na sede Afundación da Coruña, caracterízase por mostrar ao público a obra singular dos artistas máis significativos da plástica galega contemporánea. Todas estas obras estarán, ademais, dispoñibles para a súa venda ata o próximo 5 de xaneiro “a prezos reducidos”, explicou a galería.

Algunhas das obras exhíbense o público por primeira vez, como é o caso dunha peza abstracta de Xaime Quessada, que enlaza directamente co informalismo practicado en Galicia a partir dos anos 70.

Entre a selección inclúese tamén unha importante mostra de artistas coruñeses, como Urbano Lugrís, Felipe Criado, Labra ou Alejandro González Pascual.

PEZAS DESTACADAS

A exhibición comeza con pezas do século XX, entre as que cabe destacar unhas tintas de ‘Cousas da Vida’ de Castelao. O movemento renovador está tamén representado nesta mostra por nomes como Torres, Souto ou Manuel Pesqueira, así como por unha “excepcional mariña surrealista” do coruñés Urbano Lugrís. A parte pictórica conclúe con obra de autores máis recentes, onde cobran protagonismo varios artistas coruñeses

Na parte escultórica destacan os bronces do compostelano Camilo Otero, Quessada e pezas do grupo ourensano da man de Buciños, entre outros elementos.

5 de decembro de 2014 | 13:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.