A Consellería de Sanidade adxudica as obras de ampliación do Hospital do Salnés
A Consellería de Sanidade publica hoxe na páxina web do Servizo Galego de Saúde (http://www.sergas.es), no seu apartado Perfil do contratante, a adxudicación do contrato para a realización das obras de ampliación do Hospital Comarcal do Salnés.
A licitación das obras foi publicada no DOG o 22 de xullo de 2014. Tras a avaliación das ofertas recibidas, 17 en total, a empresa Dragados SA acadou a mellor puntuación na parte técnica e na parte económica, ofertando un importe de 6.429.875,92 € máis IVE, o que supón un aforro do 20% sobre o importe de licitación.
As obras de ampliación e reforma comezarán en xaneiro de 2015 e suporán a construción dunha nova infraestrutura que afectará a cinco áreas hospitalarias, que representan unha superficie asistencial de 4.157 m2 -dos cales uns 2.700 son do novo edificio e uns 1.400 serán obxecto de reforma- e permitirán aplicar os avances das novas tecnoloxías sanitarias ao novo bloque cirúrxico, á nova área de urxencias e ao bloque obstétrico.
Como primeira fase, construirase un edificio adicional, que dotará ao hospital dun novo servizo de urxencias, que duplica a capacidade de triaxe, observación e atención aos pacientes e disporá por primeira vez dunha zona específica de urxencias pediátricas.
O novo bloque cirúrxico disporá de cinco quirófanos e duplicará a capacidade da zona de recuperación postanestésica. O centro contará por primeira vez cun Hospital de Día e con novos espazos dentro do bloque obstétrico.
A ampliación do Hospital Comarcal do Salnés enmárcase na Estratexia Sergas 2014, e traducirase nunha mellora substancial na prestación da asistencia sanitaria á poboación da súa área de influencia, xa que se incorporarán os últimos avances nas prestacións ofertadas
Nun momento economicamente tan complicado, o Sergas foi quen de buscar financiamento para continuar coa mellora tanto en Atención Primaria como nos hospitais. A ampliación do Hospital do Salnés e a construción de 15 centros de saúde vanse realizar co cofinanciamento de Fondos Feder ao 80%.











