A Concellaría de Mobilidade instala dez novas sinais luminosos con tecnoloxía led

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Tráfico e Mobilidade, instala novos sinais luminosos con tecnoloxía led co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, tanto de condutores como de viandantes, en 10 pasos de peóns situados en diferentes zonas da cidade.

A nova iniciativa da área que dirixe Begoña Freire desenvólvese de acordo aos criterios que estable o propio Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS), polo que se prestou especial atención á mellora do tránsito peonil, así como nos percorridos fixados para os camiños escolares, o que favorecerá tanto a visibilidade como a seguridade viaria de condutores e peóns. Neste sentido, o proxecto, cun investimento de 13.200 euros, busca o máximo respecto ás normas de tráfico por parte de todos, o que se traduce nunha mellor protección dos colectivos máis vulnerables -como é o caso dos peóns- e nunha cidade máis segura e máis humana para os viandantes.

Os reforzos luminosos nos sinais de tráfico que o Concello instala en 10 pasos de peóns da cidade supoñen un plus de seguridade, pois aumenta o nivel de atención do condutor en lugares sensibles e anticipa o seu nivel de precaución ante un posible risco. A Concellaría de Mobilidade instala dez sinais de peóns con leds e subministración a través de enerxía solar nos seguintes puntos da Coruña:

– Dous sinais no paso de peóns de nova creación nas Rañas.

– Unha no paso de peóns situado no viario de incorporación á rolda de Outeiro desde a avenida Alfonso Molina en dirección a Alcalde Pérez Ardá.

– Un sinal no paso de peóns da incorporación da rolda de Outeiro a Alfonso Molina, á altura do Hotel Avenida.

– Outra nun paso de Marqués de Figueroa, o que protexe o itinerario peonil e escolar de Anxo Senra cara á pasarela sobre Alfonso Molina.

– Un sinal en Joaquín Planells, no paso de peóns fronte ao colexio Wenceslao Fernández Flórez.

– Tres máis nos pasos de peóns dos ramais da glorieta das Paxarelas, que se suma ao paso de peóns iluminado con proxectores led e detectores de presenza de persoas instalado este mesmo ano na rúa Antonio Machado.

– Un sinal en paso de peóns de Manuel García Canzobre (viario que descende desde Orillamar cara á glorieta do paseo marítimo con Adormideras).

Os novos sinais supoñen unha serie importante de vantaxes para a seguridade viaria: ven mellor de noite ou con malas condicións atmosféricas; os escintileos luminosos chaman a atención do condutor e permítenlle anticiparse ao risco sinalizado; os puntos de luz led ven mellor, consumen menos e duran máis que as lámpadas tradicionais; a instalación con paneis solares para abastecerse de enerxía non contamina e non supón un gasto enerxético adicional.

No último ano, o Concello realizou un importante esforzo en mellorar a sinalización viaria do centro urbano. Á instalación destes sinais luminosos en 10 pasos de peóns, súmanse outras actuacións xa executadas, por exemplo:

– Instalación de dous sinais de paso de peóns con leds no paso de peóns existente na Maestranza-Xardín de San Carlos.

– Instalación de dous sinais luminosas de ceda o paso con tecnoloxía led en rolda de Nelle e cinco sinais leds de limitación de velocidade a 30 quilómetros por hora en Matogrande e Novo Mesoiro.

– Instalación de paso de peóns iluminado con proxectores led e detectores de presenza de persoas na rúa Antonio Machado.

– Revisión e reparación de sinais luminosos con leds instaladas na cidade -cambio de baterías e reguladores solares-: 3 sinais de ceda ao paso situadas na contorna de Catro Camiños; e 17 sinais de velocidade máxima permitida en avenida de Monelos, Lamadosa, Os Rosales, avenida de Finisterre, avenida de Arteixo, Alfonso Molina á altura da estación de autobuses, avenida de Salgado Torres, Adormideras, Pedralonga, avenida da Universidade e avenida do Exército á altura da Casa do Mar.

REDE SEMAFÓRICA

Como complemento a todas estas actuacións que supoñen unha maior protección do peón, a Concellaría de Tráfico e Mobilidade executou unha serie de modificacións na rede semafórica que están encamiñadas a dar prioridade ao peón, atender demandas veciñais e de camiños escolares e que, en definitiva, melloran a seguridade viaria.

Así, ampliouse o tempo da fase verde de peóns (nas cruces da travesía de Os Rosales co paseo marítimo, xunto ao colexio Emilia Pardo Bazán; en San Andrés con rúa Pastoriza; San Andrés con rúa Pórtico; Juan Flórez con Francisco Mariño; na praza de Catro Camiños coa rúa Enrique Hervada; nos pasos peonís das rúas Fernando Rei e Cabaleiros; e no paso de peóns da rolda de Outeiro, á altura do colexio Sacra Familia), ampliouse o tempo de vermello da fase fixa para protexer o cambio desde a fase de vehículos aos peóns (no cruzamento de Linares Rivas con Marcial do Adalid), ou se suprimiu o ámbar intermitente de vehículos por vermello ao paso dos peóns en todos os tramos horarios ou nos de maior tránsito peonil (na rolda de Outeiro, á altura do colexio San Francisco Javier, e nas cruces con Manuel Murguía e Manuel Azaña; e na intersección da avenida de Monelos con rúa Oleoduto).

OUTRAS ACTUACIÓNS

A colocación de sinais verticais luminosas compleméntase con outras medidas adicionais nalgúns pasos de peóns, principalmente nos que coinciden con rutas escolares, ben eliminando a praza de estacionamento previa ao paso de peóns, ou ben reconverténdoa en zona de estacionamento de motos, o que mellora en gran medida o campo visual tanto do condutor como dos peóns, mellorando a seguridade viaria.

4 de decembro de 2014 | 12:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.