A Casa das Ciencias estrea unha exposición fotográfica que mostra os fenómenos que se dan no ceo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, participou esta mañá na presentación do “ceo paso a paso”, a exposición de fotografías que estrea hoxe a Casa das Ciencias na que se mostra unha visión sorprendente de diversos fenómenos que transcorren no ceo, dende os movementos das estrelas, planetas e satélites, ata o paso das nubes ou a suba e baixada das mareas.

As imaxes foron obtidas mediante a técnica de fotografía a intervalos ou estafe lapse, que permite comprimir o tempo, unha técnica moi eficaz para visualizar procesos que evolucionan lentamente. Esta exposición presenta as secuencias creadas mediante esta técnica polos astrofotógrafos Óscar Blanco, Alfredo Madrigal, Anxo R. Arós e Pablo Canedo.

Algunhas das tomas que forman parte da exposición realizáronse en lugares afastados aos que os astrofotógrafos acoden en busca dos ceos máis escuros. Outras, non obstante, teñen como protagonistas a paisaxes coruñesas dos que se ofrece unha visión inédita e sorprendente.

A exposición situarase na planta baixa da Casa das Ciencias ata finais de 2015, polo que formará parte das exposicións dispoñibles para todos os visitantes do museo, incluídos os grupos escolares. O horario de visita é de luns a venres, de 10.00 a 18.00 horas, e os sábados, domingos e festivos, de 11.00 a 19.00 horas; agás os días 1 e 6 de xaneiro que permanecerá pechado.

30 de decembro de 2014 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.