publicidade hoxe

A Casa da Cultura de Lousame acolle unha exposición de Víctor Lens

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

A Casa da Cultura de Lousame acolle unha exposición de 13 óleos do artista Víctor Lens, que poderán visitarse libremente ata mediados de xaneiro. Víctor Lens explica que a exposición está composta por un total de “trece óleos a lenzo” que reflicten a sociedade dende “o ano 2011 ata a actualidade”. Cada unha das súas obras é a representación dun compendio de coñecementos que varían dende o mundo filosófico ata as matemáticas, pasando pola propia arte e o seu afán de aprendizaxe e renovación constante. En palabras de Lens, “a creatividade está máis na capacidade de transformarse e de transformar o entorno social no que se atopa” o artista.

Por iso, todas as súas obras contan cunha grande forza comunicativa, amais de visual. Esta última caracterízase por trazos moi finos, imaxes moi pensadas –na propia mostra tamén se poden ver os bocetos que o artista reproduce posteriormente a escala-, xa que, para Lens, “cada obra é un texto, cada pincelada é unha mensaxe nela”. Esta mensaxe transmítese ao espectador, que é o encargado de interpretala, mediante unha lectura pausada.

Entre os temas tratados nestes cadros, o autor salientou, por exemplo, a “deificación de figuras que se amosan como modelo, ou a influencia das informacións vertidas a diario polos medios para mover a forma de pensar da sociedade por parte dos grupos de poder”. “A banalización do ocio das persoas” e a perspectiva de que a arte se converteu “en marketing”, algo co que o pintor non está de acordo, tamén están presentes na súa arte. De feito, as súas obras “non son para vender, senón para que circulen por aí” e que a xente as poida ver. “É unha pintura para ser, non para ter”, conclúe.

Pinterea

A pasada semana, Víctor Lens impartiu un Obradoiro de Interpretación da Pintura, denominado Pinterea, no que a través de diversos xogos e dinámicas os pequenos puideron interactuar cos cadros da exposición. O obxectivo era que os rapaces aprendesen as diferentes claves que expresa cada obra. Esta sesión especial do Ludonadal 2014 estivo organizada pola Concellería de Cultura e Xuventude de Lousame, en colaboración con MyA Animación, a asociación cultural Toxos e Carrouchas e o grupo de voluntariado do Concello de Lousame.

29 de decembro de 2014 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.