A candidatura do BNG pretende converter a Pontevedra nun referente no tratamento dos residuos
A candidatura do BNG á Alcaldía de Pontevedra mantivo a pasada fin de semana unha xuntanza, baixo a dirección do candidato Miguel Anxo Fernández Lores, na que se adoptaron os seguintes acordos:
1. Posta en valor do territorio. Galiza, como todas as nacións do mundo, ten un territorio propio con características diferenciadoras. Temos que ter en conta nomeadamente a forte antropización e a grande vizosidade do noso país para definir, por exemplo, o viario de Pontevedra, as zonas verdes ou o tratamento do monte.
2. O modelo Pontevedra. Pontevedra é un referente mundial no coidado e respecto polo medio no que vivimos as persoas e imos aproveitar todas as súas posibilidades para dar un grande salto adiante na calidade de vida.
Cómpre expandir o modelo a todo o territorio municipal con medidas concretas:
a. Criación dun eixo-bulevar Sur-Norte de Salcedo a Alba con tráfico calmado e características urbanas (priorización do tráfico peonil, seguranza viaria, accesibilidade, calidade urbana, etc)
b. Criación dun eixo-bulevar Oeste-Leste de Salcedo a Marcón (do Pino á Ermida) con semellantes características ao anterior
c. Criación dun eixo con características urbanas como as anteriores na antiga estrada de Ponte Caldelas (PO532) de San Amaro á Ermida
d. Deseño e posta en marcha dunha rede viaria peonil inter e intraparroquial que recupere camiños tradicionais e manteña as súas características (tratamento brando, xestión das augas, coidado do patrimonio. . .)
3. Converter Pontevedra nun referente no tratamento, recuperación e reutilización dos residuos. A construción da nova planta de composta, integrada no monte de Pontevedra, vai ser un fito da nova política forestal.











