A campaña “Xoga Limpo este Nadal!” une solidariedade e reciclaxe para que ningún neno quede sen xoguete en Carballo
O Concello -a través de Carballo Limpo coa axuda de Urbaser- e a Asemblea Local de Cruz Vermella unen esforzos este Nadal para mellorar os índices de reciclaxe e recollida de residuos e tamén para conseguir que ningún neno quede sen xoguetes estas festas. Así, a campaña “Xoga Limpo este Nadal!” incide en tres aspectos ben diferentes pero que están relacionados, segundo explica o Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo. En primeiro lugar a través dunha “vertente solidaria” coa recollida de xoguetes novos ou semi novos por parte de Cruz Vermella para que sexan repartidos entre a xente máis necesitada co obxectivo de que os cativos e cativas de toda a vila teñan “un Nadal o máis feliz posible”. En segundo, a través da concienciación para que os veciños e veciñas leven os xoguetes vellos ou rotos -que xa non serven para ser cedidos- ao Punto Limpo situado no Parque Empresarial de Bértoa, xa que, ao non ser lixo, non deben ser depositados nos colectores de rúa.
E, por último, coa creación dun dispositivo especial de recollida de cartón, papeis e envoltorios dos agasallos os días posteriores a Nadal e Reis (25 e 26 de decembro; e 7 e 8 de xaneiro) porque nesas datas xérase un maior volume deste tipo de residuos. Todo coa vontade, segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, de “aproveitar as sinerxías” dos diferentes aspectos da iniciativa para seguir mellorando os índices de reciclaxe do Concello, que xa son “moi bos” e superiores aos da media galega e española; e tamén para cumprir o desexo de “todos os nenos e nenas, que queren ser como os demais e poder xogar este Nadal”. Matilde Anido, presidenta da Asemblea Local de Cruz Vermella en Carballo, quixo subliñar que o ano pasado un total de 203 nenos e nenas se beneficiaron da campaña de recollida de xoguetes e quixo agradecer aos voluntarios e voluntarias a súa colaboración á hora de seleccionar e empaquetar os agasallos. Así mesmo, pediu que as doazóns non sexan de “xoguetes vellos ou sucios” porque “os nenos teñen a súa dignidade” e “o que non queremos para os nosos fillos e fillas non debemos darllo aos dos demais”.
Os interesados en realizar doazóns só teñen que achegarse á sede de Cruz Vermella, situada na rúa Vázquez de Parga, nº 119, nas antigas vivendas dos mestres, de luns a xoves en horario de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas, e os sábados de 9.00 a 14.00 horas antes do 23 de decembro. Así mesmo, as familias que desexen ser beneficiarias do programa poden tamén presentar as súas solicitudes na sede de Cruz Vermella. Evencio Ferrero rematou a presentación da iniciativa resaltando que “os nenos e nenas teñen uns dereitos e tamén dereito á felicidade”, polo que espera “que a xente sexa solidaria e que Carballo tamén o sexa”, ademais de que a veciñanza colabore coa conservación do medio ambiente achegando os xoguetes vellos ao Punto Limpo. Os interesados e interesadas poden descargar o cartel anunciador da iniciativa en pdf máis abaixo nesta mesma nova.











