A Axencia de Colocación de Mos formou en ferramentas dixitais para a busca de emprego a un total de 46 persoas

Clausura do foro
Hoxe celebrouse nas instalacións da Axencia de Colocación de Mos a clausura do “Foro EmpregaT-e: Mellora das competencias dixitais para a busca de emprego”. Na mesma estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos e Óscar Soto, tenente alcalde e concelleiro de Formación e Emprego mosense.
Inscribíronse neste foro 46 persoas, que participaron nos diversos talleres. A virtude desta acción formativa foi a colaboración de alumnos en prácticas expertos en materia informática e tecnolóxica, ademais da colaboración dun voluntario dixital adscrito ó Concello de Mos, a través do Programa de Voluntariado Dixital e Rede CeMIT, nos cales se atopa incluída a dministración local mosense. Ademais colaboraron tamén coa iniciativa todos os ponentes que interviñeron, que o fixeron de forma desinteresada.
A intención da Axencia de Colocación é continuar con este tipo de accións e cubrir todas aquelas necesidades que se detecten entre os usuarios e usuarias, co obxectivo principal de mellorar a súa empregabilidade.
A iniciativa que se clausurou esta mañá organizouse dentro da programación formativa da Axencia de Colocación de Mos en relación ás necesidades detectadas entre os usuarios/as da mesma en relación á mellora de competencias informáticas e tecnolóxicas, e mellora das súas habilidades na busca de emprego.
Os títulos dos talleres impartidos ó longo do Foro EmpregaT-e foron alfabetización informática, ferramentas para a busca de emprego en Internet, seguridade informática, Office, “O mercado de traballo da economía dixital: algunhas características e algúns recursos”, “Axencia de Colocación Mos: Cómo podemos axudarche a encontrar traballo”, Insere Asociación de Empresarios de Mos, Taller Trámites-e, creación blog e ferramentas de comunicación, e redes sociais e busca de oportunidades.
En resume, tratouse dun curso orientado á mellora das competencias dixitais para a busca de emprego e da empregabilidade das persoas que se atopan en paro. O formato do foro consistiu en varios obradoiros, dos cales se acaban de enumerar os títulos, que se desenvolveron durante unha semana, dende o martes día 2 de decembro ata hoxe. Estes talleres estiveron complementados por unha charla informativa dun experto en intermediación laboral e pola utilización de medios tecnolóxicos para a busca de emprego.











