A autopsia confirma que o seareiro galego faleceu tras sufrir un forte golpe na cabeza
A autopsia practicada esta mañá a Francisco Javier Romero, o seareiro do Deportivo da Coruña falecido na multitudinaria liorta ocorrida o domingo nas inmediacións do estadio Vicente Calderón, sinala que sufriu un grave traumatismo cranioencefálico e outras lesións internas.
O home, que morreu por unha parada cardiorrespiratoria derivada das importantes feridas, tamén padeceu unha forte hipotermia polos minutos que pasou nas frías augas do río Manzanares, aínda que o seu corpo non ten signos de afogamento, segundo indicaron fontes da investigación.
Os médicos forenses que lle practicaron a autopsia comprobaron que o corpo sen vida tiña “golpes exteriores moi evidentes” na cabeza, cara e zona abdominal, que podería ser provocados por un obxecto contuso.
Entre os obxectos que a Policía requisou aos participantes na liorta figuran unha navalla, dous petardos, unha bengala, dous tacos de madeira, dúas guías de madeira vermella de dous metros, seis paus, un tubo de PVC, dez de aluminio e un niquelado.
Tras a autopsia, a Policía recolleu o informe e remitiuno ao maxistrado do Xulgado número 20, que estaba onte en garda de dilixencias e que autorizou o levantamento do cadáver. O corpo da vítima foi posto a disposición dos familiares do falecido











