A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios organiza unha proxección e talleres sobre a participación comunitaria no IES de Fene

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) desenvolverá este martes varios obradoiros no IES de Fene para concienciar ao alumnado sobre a importancia da participación comunitaria. A iniciativa encádrase no proxecto realizado en El Salvador para reducir a vulnerabilidade ante o risco de inundacións, financiado á ONGD polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que é socio o Concello da Fene. As actividades de sensibilización percorrerán ata finais de ano unha decena de centros educativos.

A proxección do documental ‘Comunicando comunidades’, gravado en El Salvador por un equipo de voluntariado de Agareso, centra os obradoiros, que se complementan cunha charla previa para contextualizalo e un debate posterior no que se anima á mocidade a implicarse na resolución das problemáticas sociais que afectan a súa contorna. A través do testemuño directo das e dos seus protagonistas, o audiovisual pon de manifesto como as cooperativas, os movementos de base e as organizacións comunitarias permiten afrontar cuestións como a contaminación, a violencia, a falta de información ou a carencia de traballo no país centroamericano, que viviu doce anos de guerra. Un total de 85 estudantes de 1º de ESO do IES de Fene participarán nesta actividade, que terá lugar o 2 de decembro de 16.30 a 20 horas. A xornada estará dinamizada por Lorena Seijo, técnica de Agareso.

Cooperación internacional. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade -e o Concello de Fene a través del- financiou no último ano o proxecto impulsado por Agareso para previr e reducir a vulnerabilidade perante o risco de inundacións en comunidades e centros escolares dos municipios de Tecoluca e Zacatecoluca a través da mitigación, sensibilización e educación ambiental. Os resultados desta formación e a capacidade de reacción da poboación fronte unha emerxencia amplificáronse mediante a emisora comunitaria Radio Tehuacán. Ademais das capacitacións impartidas pola ONGD local Cordes, entregáronse materiais de prevención aos comités de protección civil e aos centros educativos, entre outras tarefas que culminaron coa gravación do documental sobre a participación comunitaria.

O Fondo Galego. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 87 concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

1 de decembro de 2014 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.