A Asemblea de Movementos Sociais reúnese coa delegada da Xunta en Vigo
A asemblea de movementos sociais, (AMSV), plataforma coordinadora de movementos sociais, sindicais e políticos reuniuse hoxe día 16 coa delegada da Xunta de Galicia en Vigo, María José Bravo Bosch, así como os delegados de vivenda, familia e inclusión, para reivindicar unha mellora dos servizos de Benestar Social en canto ás súas competencias. Na emotiva reunión, de case dúas horas, tratáronse varios puntos do manifesto fundacional da AMSV, como é a solicitude dun programa serio de vivenda social, e expuxéronse casos concretos de problemáticas dramáticas ao redor da RISGA: Miguel Cabaco, pai de familia que recibe 293 euros para cinco persoas ou Paqui, que tras meses de espera recibiu unha axuda de soamente 37 euros mensuais.
A asemblea esixiu que a Xunta presionase para obter unha solución á problemática de persoal xa que a propia xefa de prestacións, Anxos Rouco, expresou en reunións anteriores que non podía dar data a moitos afectados que pedían prazos concretos sobre o cobro das súas axudas porque todo dependía da carga do traballo do persoal, que se atopaba excedido. A AMSV leva meses sinalando a situación de colapso destas axudas e o insuficiente funcionamento da RISGA, que leva máis de oito meses de atraso sendo unha renda indispensable para a subsistencia de moitas familias desempregadas e solicita que se regularice inmediatamente a súa cobro urxente e prioritario, ademais de ascender a contía ao SMI.
Para continuar coa protesta e xa que Xunta e concello comparten competencia, o grupo continuará concentrándose no concello o luns día 22 de decembro cunha cacerolada en apoio ás traballadoras sociais, que esixen máis persoal no seu departamento, e igualmente para salientar a invisibilización da pobreza en Vigo á vez que se malgastan partidas en obras faraónicas de embelecemento externo.











