A asemblea de movementos sociais de Vigo esixe a Caballero acepte unha inmediata consulta cidadá
O colectivo entende que a solución para que o alcalde da cidade contraste a súa opinión de que a instalación do barco Alfageme na rotonda de Coia é desexada con “clamor cidadán” pola maioría veciñal, e que se someta a unha decisión democrática definitiva mediante consulta cidadá.
O alcalde sostén que a protesta, que conseguiu reunir máis de 600 persoas durante a manifestación convocada por asemblea aberta de Coia este mes de decembro, “é minoritaria e que os cidadáns non a avalan”: o colectivo ínstao a que poña a proba a realidade das súas declaracións sometendo esta obra a votación en forma de referendo cidadán e obteña a visión lexítima e contrastada da maioría da veciñanza de Vigo respecto ao proxecto, xa que todos os barrios, na súa totalidade, teñen dereito a decidir sobre o destino dos seus presupostos.
A plataforma chama a atención sobre a lamentable decisión do alcalde de manter a obra a pesar da votación en contra por dúas veces do pleno municipal escudándose en que aquilo foi unha oposición “puramente política”: segundo este discurso, a solución para filtrar os intereses políticos que el alega é someterse abertamente ao voto cidadán sen esperar ás seguintes eleccións xa que, nese caso estaría el mesmo politizando a problemática local ao esperar aos seus resultados electorais para coñecer se se equivocou nas súas análises en vez de anticiparse consultando á súa cidade.
O grupo pide ao rexedor coherencia cos principios socialistas que di defender e que se someta ás necesidades dos seus representados coñecendo en primeiro lugar a súa vontade real como cidadáns; e cualifica de exemplar a resposta da veciñanza do barrio de Coia, referente de loita obreira, ante un intento coactivo de impoñerse unha obra sen contrapartida cultural e con altos gastos de mantemento por localización aberta.











