A Asemblea de Movementos Sociais convoca unha cacerolada
A asemblea de movementos sociais de Vigo (AMSV), plataforma integrada por movementos sociais e veciñais como a FAVEC, a Rede de Solidariedade Popular de Vigo, Plataforma de Abusos Bancarios, Plataforma Xuntos e apoiada por organizacións políticas e sindicais como a CXT, CIG, CUT, EQUO, BNG, Alternativa Socialista de Vigo; que ante a situación de extrema emerxencia social de Vigo coordináronse para dar resposta cidadá ás políticas de Benestar do concello, comezará este luns, 15 de decembro, ás 11:30 no concello de Vigo, unhas concentracións en semanas alternas para mostrar o seu apoio e respaldo ás manifestacións das traballadoras sociais que conforman o persoal de benestar de Vigo, as cales expresaron hai unhas semanas a súa indefensión ante unha carga de traballo abusiva.
Así, a asemblea reuniuse co Valedor do Pobo para solicitarlle que utilice o seu informe interno como proba de confirmación das demandas das traballadoras e solicite os expedientes pertinentes á Administración, a fin de que de poida presionar coa inxección de máis persoal. O luns 15 empezaranse as concentracións, coas que se quere dar visibilidade a esta problemática mediante unha cacerolada, coa que tamén se quere deixar patente a invisibilidade á que o concello somete á pobreza da cidade de Vigo.
A protesta chamarase *Os luns ao son, xa que se trata dunha cacerolada sonora, e facendo tamén referencia aos graves problemas de desemprego que permitirán aos afectados acudir a este acto en pleno día laboral. Ao final do acto, Antón Bouzas, compañeiro da AMSV entregará en rexistro un escrito dirixido ao alcalde para denunciar a situación precaria dunha familia de Vigo ao bordo de desafiuzamento.











