A arte da panadaría invade a aula de cociña do Centro Comercial Arousa
A aula de Cociña do Centro Comercial Arousa acollerá mañá xoves, a partir das 20:00 h., un taller de cociña dedicado á panadaría no que os asistentes aprenderán a elaborar diferentes tipos de pan e de masas coa axuda de robots de cociña e guiados polas mans expertas das vilagarciás Maribel Fernández e Geni Longa.
O curso permitirá aos participantes coñecer como se comporta cada unha das masas, así como todos os detalles para a súa preparación, desde os ingredientes, cantidades necesarias ou tempo de levado e forneado, e resolveranse as dúbidas máis frecuentes para garantir o éxito do resultado: o tipo de fariña que se debe utilizar para cada masa, por que se deben evitar as correntes de aire, como lograr unha cortiza brillante e cruxiente ou conseguir que a faragulla do pan non quede escura, entre outras.
En total prepararanse de forma práctica cinco receitas sinxelas, pero moi versátiles, ás que os asistentes lles poderán sacar o máximo partido despois na casa: pan de xamón, pan picnic, roscón de Reis, empanada de polbo e masa de pizza.
As receitas do taller, aberto ao público até completar aforamento, estarán dispoñibles na páxina web do centro www.ccarousa.com unha vez finalizado.











