A AMSV reúnese co Valedor do Pobo

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+
Representantes da AMSV en Santiago

Representantes da AMSV en Santiago

A asemblea de movementos sociais, (AMSV), plataforma integrada por movementos sociais e veciñais como a FAVEC, a Rede de Solidariedade Popular de Vigo, Plataforma de Abusos Bancarios, Plataforma Xuntos e apoiada por organizacións políticas e sindicais como a CXT, CIG, CUT, EQUO, BNG, Alternativa Socialista de Vigo e EU, reuniuse esta mañá en Santiago co Valedor. Nas case dúas horas de reunión, os integrantes da asemblea expuxeron diferentes casos para exemplarizar a dramática situación social da cidade de Vigo, retratando os longos prazos de espera que os afectados teñen que acatar para recibir unha axuda de emerxencia municipal.

Tamén se fixo fincapé na situación de extrema tensión que padecen as traballadoras sociais, ao duplicar o cociente legal de atención nun momento en que a crise golpeou aos cidadáns e o volume de solicitudes creceu exponencialmente: soamente un persoal de 17 traballadoras se ocupan dos expedientes de toda a cidade e levan máis de seis meses de atraso por verse desbordadas.

Sinalaron tamén que o propio persoal administrativo, primeiro contacto cos afectados, comparte a mesmo tensión xa que non está formado para tratar con persoas en risco de exclusión: aínda que se matizou que as reaccións de axitación son totalmente comprensibles cando a unha familia se lle comunica que debe superar até once meses de espera para recibir a súa contía mínima de subsistencia cuxo proceso se taxa legalmente nun máximo de dous; e que a solución a isto en ningún caso pasa por aumentar a seguridade no
departamento, senón que é urxente inxectar novo persoal de reforzo e en ningún caso criminalizar aos afectados.

O xurista escoitou atentamente os testemuños dos afectados, recolleu o informe entregado pola asemblea e as queixas sobre o caos do departamento e comprometeuse a utilizar os datos solicitados como complemento á investigación que xa iniciou no momento en que o propio persoal lle solicitou axuda este mes de novembro para que utilice os medios do organismo para propulsar unha solución definitiva a unha dramática situación en cuxa descrición coinciden traballadores e afectados: a pesar do cal, nin uns nin outros conseguiron na concellaría nin atención nin resposta.

1 de decembro de 2014 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.