A AMSV convoca unha concentración en contra da instalación do barco “Alfageme” en Coia
A AMSV, plataforma conformada por varios grupos sociais da cidade e apoiada por partidos políticos e sindicatos convocan este acto de protesta en solidariedade cos veciños de Coia, que non desexan que o barco se traslade á rotonda do Alcampo como se decidiu desde o concello. O grupo considera aberrante que a alcaldía se empeñe en executar a obra tendo o voto do pleno en contra, e a todas as asociacións de veciños da zona declarando a súa firme oposición á mesma. As razóns da veciñanza son, por unha banda o custo elevado de esquilmar todo o paisaxismo da actual rotonda, que terá que adaptarse ao xigantesco barco, o cal por outra banda non se poderá visitar ao converterse en elemento decorativo.
Comentan ademais que é un malgasto de diñeiro tendo en conta o altísimo custo de traslado, sumando a iluminación nocturna que se pretende utilizar. Ademais, segundo o Plan Xeral prevese construír un túnel no futuro nesa zona de Castelao, co que habería que volver trasladar o barco chegado o momento, cos custos que de novo, isto supón. Os veciños falan de que o museo do Mar está infrautilizado e hai sitio e acondicionamento dabondo para poder instalar alí o barco e darlle un uso pedagóxico, habilitando que se poida visitar dentro do propio museo e explicar á mocidade a súa procedencia.
A Asemblea convocante pide que se deixe de especular coas obras municipais e desde logo que se dedique unha partida millonaria como esa a as necesidades básicas dos cidadáns de Vigo, que tardan oito meses en recibir unha axuda de subsistencia e consideran inaudito que non cesamento o desfile de obras fastuosas na cidade. Especialmente sensible é o barrio obreiro de Coia, que sufriu a crise e non está disposto a aceptar as decisións unilaterais deste alcalde. As obras paralizáronse esta mañá polos mesmos veciños.











