372 condutores deron positivo nos controis de drogas realizados na provincia de Pontevedra durante este ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSucesos
A-
A+

A punto xa de finalizar o ano o Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra informa os resultados dos tests selectivos de drogas que se realizaron nas vías de comunicación da súa competencia na provincia de Pontevedra, durante este ano.

Os efectivos da Agrupación de Tráfico da Garda Civil nesta provincia, distribuídos en catro Destacamentos: Pontevedra, Vilaboa, O Porriño e Lalin, realizaron un total de 706 probas de drogas a condutores que, aínda que deran negativo nas probas de alcoholemia, si presentaban signos externos de inxerir algunha sustancia. Destas probas 372 resultaron positivas, o que supón un 53% do total.

Por tipos de sustancias detectadas, destacan as cocaínas con 219 casos, séguenlle o cannabis (172), os opioides (124), as anfetaminas (41) e as metanfetaminas (34). Dos resultados obtidos ponse de manifesto que moitos dos condutores deron positivo en máis dunha sustancia á vez.

As probas de alcol e drogas realizáronse tanto en horario nocturno, como en horas diúrnas, co fin de que os controis fosen disuasorios para evitar a inxestión de bebidas alcohólicas ou drogas.

CONSELLOS PARA OS CONDUTORES DURANTE AS PRÓXIMAS FESTAS DO NADAL:

Durante as habituais e típicas comidas propias desta época do ano, a Garda Civil de Tráfico lembra que, como xa vén sendo habitual, intensificarán os controis de alcol e drogas en todo tipo de estradas, e a todos os condutores co obxectivo de disuadilos de conducir cando consuman este tipo de sustancias.

Con estas advertencias, a Garda Civil de Tráfico pretende sensibilizar aos condutores e crear unha maior concienciación de que non soamente o alcol e a condución é un binomio perigoso, senón que tamén as drogas e a condución son en moitas ocasións sinónimo de morte.

Está demostrada a relación entre consumo de alcol ou drogas, mesmo en baixas concentracións e a redución da capacidade de condución que se reflicte na deterioración da atención, das funcións visual e auditiva, perturbacións no campo perceptivo, cansazo, somnolencia ou fatiga muscular e os accidentes de circulación.

Durante estes meses nos que as festas familiares e as celebracións de empresa son algo frecuente, os efectivos da Garda Civil de Tráfico de Pontevedra pretenden transmitir aos condutores que un dos obxectivos primordiais do seu labor é procurar que ningún condutor que se vexa minguado nas súas facultades para conducir, poida facelo. Neste sentido, é importante a colaboración dos familiares e amigos que alertándoos impida que esta persoa se poña ao volante.

Lémbrase, tamén, que a sanción por conducir con drogas no organismo é de 1000 €uros ademais de 6 puntos menos no carné, podendo chegar mesmo a ser tipificado como delito, dependendo da sintomatolozía ou se se ve involucrado nun accidente.

10 de decembro de 2014 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.