Yolanda Lesmes destaca en Nigrán a importancia de coñecer e tratar a violencia de xénero entre os máis novos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+

A Secretaria Territorial da Delegación de Vigo, Yolanda Lesmes Romero, reiterou hoxe a importancia que ten coñecer e tratar as novas formas de exercer a violencia de xénero entre os máis novos que están a xurdir a través do uso das novas tecnoloxías na sociedade da información e o coñecemento.

Yolanda Lesmes inaugurou hoxe en Nigrán as III Xornadas sobre Violencia de Xénero: “Adolescentes, violencia e novas tecnoloxías”, xunto ao alcalde da localidade, Alberto Valverde e a concelleira de Patrimonio, Igualdade e Xuventude, Mª José Pino.

Segundo palabras da Secretaria Territorial, o sexismo e os estereotipos de xénero perviven entre os e as adolescentes, polo que incidiu na necesidade fundamental de actuar cos adolescentes xa que a xuventude e a adolescencia teñen unha importancia vital no desenvolvemento da persoa. Por iso actuar nesta etapa é fundamental.

A Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero levou a cabo dous estudos en 2012 e 2013 sobre esta problemática, nos que participaron máis de 8.000 adolescentes e mozos de 13 a 19 anos. Entre as súas conclusións destacan o feito de que as novas tecnoloxías facilitan aos agresores alcanzar ás súas vítimas sen ter contacto directo con elas, e supoñen tamén unha dificultade para pechar unha relación de parella e que os estereotipos tradicionais que seguen existindo nas relacións entre homes e mulleres se proxectan en Internet e as redes sociais.

Formación en Igualdade

Nesta liña, a Secretaría Xeral de Igualdade desenvolveu este mesmo ano cursos formativos para mozas e mozos galegos que levaron a cabo obradoiros de masculinidade positiva en centros educativos. O curso enmarcase no Proxecto ‘Mocidade Contra a Violencia de Xénero’, unha iniciativa financiada pola UE que propón lograr dous obxectivos específicos a fin de apoiar a prevención da violencia entre os máis novos.

Dunha banda, sensibilizar ás rapazas e rapaces das escolas e de grupos informais, a través dun método de peer education (educación entre iguais), sobre modelos de masculinidade, discriminación de xénero, violencia contra as mulleres e violencia contra a persoas LGBT. Doutra banda, tamén se busca desenvolver campañas de sensibilización da opinión pública: actividades practicas de co-planificación participativa dos socios e dos mozos e mozas.

O Proxecto busca previr futuros casos de violencia de xénero a través da formación en igualdade dos mozos e mozas galegos, un aspecto que o Goberno galego considera fundamental xa que os adolescentes resultan ser un colectivo especialmente vulnerable fronte a este tipo de violencia.

5 de novembro de 2014 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.