Xunta e UDC asinan o convenio polo que 300 estudantes terán descontos adicionais de ata o 50% no transporte metropolitano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio entre Medio Ambiente e UDC

Sinatura do convenio entre Medio Ambiente e UDC

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, asinou hoxe un convenio de colaboración co reitor da Universidade da Coruña (UDC), Xosé Luís Armesto, para a aplicación de descontos a estudantes no eido do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia. O Consello da Xunta da pasada semana autorizou este acordo mediante o que arredor de 300 universitarios dos campus da Coruña e Ferrol accederán a descontos de entre un 20% e un 50% sobre as tarifas do Plan de transporte metropolitano.

Ethel Vázquez explicou que a Xunta considera que o transporte metropolitano é unha absoluta necesidade nas cidades de Galicia, especialmente naquelas que, como na Coruña, o seu ámbito transcendeu claramente ao municipal.

Os beneficiarios deste convenio son alumnos da Universidade da Coruña perceptores das `Axudas para o transporte urbano na cidade da Coruña e para as áreas de transporte metropolitano da Coruña e de Ferrol, curso 2014-2015´, convocadas en setembro de 2014, e concedidas en base á Renta Persoal Dispoñible, entre outros criterios.

O sistema de bonificación para os membros do colectivo universitario será o mesmo que o que se aplica para a bonificación por recorrencia para os usuarios que superan os 40 viaxes ao mes e familias numerosas dende o 1 de decembro. Nese sentido, as viaxes realizadas nun mes por cada universitario serán contabilizadas e procesadas e o sistema realizará unha recarga dous meses despois na tarxeta pola contía da bonificación con tan só introducila no caixeiro automático.

A titular de Infraestruturas explicou que entre o Plan de Transporte Metropolitano e a nova axuda a estudantes, un universitario que acuda de Cambre a Elviña, se non tivera ningún tipo de abono de transporte pagaría 2,80 euros (1,3 urbano + 1,5 metropolitano), pero coa tarxeta TMG, pode pagar por todo o traxecto 84 céntimos porque está bonificado e ten o transbordo gratuíto, e coa nova bonificación dada pola universidade, pagaría só 42 céntimos por viaxe. Isto significa que ao longo dos 9 meses do curso, grazas á TMG aforraría uns 533 euros, que se converterían en 623 no caso de beneficiarse da bonificación outorgada pola UDC.

Cómpre indicar que estas bonificacións son compatibles con outros descontos do programa tarifario (sociais, recorrencia ou familia numerosa), sen que o importe total das bonificacións poida superar o importe total da viaxe. Un dos requisitos que deberán cumprir é similar aos que se lles esixe aos usuarios xerais do plan, dispor dunha tarxeta do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, e especificamente estar matriculado neste curso na Universidade da Coruña.

Ethel Vázquez indicou que o transporte metropolitano constitúe o esqueleto sobre o que medran as cidades do futuro e, por iso, convenios como este para beneficiar a estudantes universitarios, ou o asinado fai poucas semanas para beneficiar ás familias numerosas son exemplos dunha xestión pensada para as persoas e as familias.

A Dirección Xeral de Mobilidade constata que na área da Coruña en 2013 rexistráronse o dobre de viaxes coa tarxeta de Transporte Metropolitano que no ano 2010, unha mostra do éxito do funcionamento deste servizo.

Estudos en depuradoras

Por outra parte, a conselleira tamén asinou co reitor da Universidade da Coruña outra convenio para o estudo do consumo enerxético e caracterización das augas en dúas depuradoras de augas residuais.

Este acordo senta as bases para que o Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente da Escola de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, e do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil, poida avanzar nos seus estudos de eficiencia enerxética nos procesos de depuración de augas residuais urbanas.

Trátase de que Augas de Galicia pon á disposición destes investigadores algunhas das súas instalacións para afondar na mellora da eficiencia enerxética e dos sistemas de xestión destas infraestruturas.

Na EDAR de Ares-Mugardos e noutra depuradora que se determinará posteriormente, realizarase a instalación de sondas de caracterización de augas e de medidores de consumos enerxéticos, mantemento das sondas e equipamentos de rexistro de datos durante dous períodos (tempo seco e de choiva) ao longo de 15 días en cada período e intercambio de información relativa aos estudos realizados e os logros acadados.

18 de novembro de 2014 | 13:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.