Xosé Crespo aborda a situación do sector lácteo galego nunha reunión con Unións Agrarias

Reunión de Xosé Crespo e Unións Agrarias
O vicepresidente da Deputación Xosé Crespo recibiu hoxe no Pazo Provincial ao secretario xeral e o secretario de Vacún de Leite e Gandería Intensiva de Unións Agrarias, Roberto García e Javier Iglesias, cos que abordou a situación do sector lácteo galego ante o próximo remate das cotas lácteas.
Na xuntanza tamén participou o voceiro do Grupo Provincial Socialista, Santos Héctor, pero non puido asistir o voceiro do BNG, Cesáreo Mosquera.
Tralo encontro, Crespo lembrou que o Ministerio de Agricultura está xa tratando de anticiparse aos problemas que poden derivar do final da cota láctea e incidiu en que se trata “dun tema complexo que é preciso estudar”.
Así, asegurou que nos próximos días manterán encontros os tres grupos con representación na corporación provincial para, tendo en conta as decisións que se adopten no Parlamento de Galicia e as liñas nas que traballa o Goberno Central, tratar de consensuar unha moción conxunta para abordar no vindeiro pleno do 28 de novembro.











