Xornada de colaboración e intercambio de información entre grupos de investigación e e empresas do sector metalúrxico
ASIME, o Galician Offshore Energy Group (GOE), a Fundación Clúster Metalúrxico de Galicia (METAL CLUSTER) e o Campus do Mar organizaron hoxe unha xornada de colaboración e intercambio de información entre os grupos de investigación da Universidade e as empresas do sector metalúrxico, co obxectivo de fomentar as posibilidades da industria galega para ofrecer servizos relacionados coa enerxía eólica offshore.
No acto de presentación interviñeron D. Enrique M. Mallón, Secretario Xeral de ASIME, D. Alberto Fernández, Presidente do Metal Cluster Galicia e D. Salustiano Mato, Reitor da Universidade de Vigo.
D. Enrique Mallón destacou que: “en Galicia e especialmente nas zonas de Vigo e Ferrol cóntanse con todos os elementos necesarios para xogar un papel importante neste nicho de negocio da industria eólica offshore, que está a representar números de crecemento espectaculares nos últimos anos”. Ademais engadiu: “no sector metalúrxico contamos con empresas fabricantes de grandes estruturas metálicas, soldadura especial, estaleiros, mecánica naval, enxeñarías, construtores de aeroxeradores, así como infraestruturas portuarias e empresas significativas como Navantia; por tanto, se realizamos actuacións comerciais e de promoción internacional adecuadas, poderemos conseguir captar un volume de traballo importante nesta área.” Así mesmo, subliñou que en Galicia se podería fomentar a creación dalgún prototipo que permita ás empresas facer probas para logo poder ofrecer os seus servizos nas grandes instalacións do Mar do Norte, principal rexión en canto a potencia instalada.
D. Alberto Fernández, destacou que: “é unha oportunidade para o Metal Cluster Galicia os Fondos Europeos articulados no Programa Horizonte 2020”. Tamén engadiu: “é impresionante a actividade que xera esta industria coa previsión de crear 140.000 empregos, instalar 40.000 MW de potencia en parques eólicos mariños e cun investimento de 150.000 MM de euros.” Ademais resaltou a importancia de focalizar os esforzos nas liñas de financiamento que ofrece o H2020 para proxectos de I+D+i no campo da eólica mariña.
D. Salustiano Mato, destacou que: “nas universidades galegas contamos cos axentes necesarios para desenvolver grandes proxectos de I+D+i internacionais e traballar xunto co Metal Cluster Galicia na detección de oportunidades e se fose preciso na procura de socios tecnolóxicos.” Doutra banda fixo fincapé en que: ”a realización desta xornada está totalmente aliñada cun dos principais obxectivos do Campus do Mar, que é achegar o coñecemento das universidades ás empresas para un primeiro paso na xeración de grupos de traballo que poidan crear valor engadido a esta industria.”
Posteriormente, realizouse unha presentación dos grupos de investigación das Universidades de Vigo, Coruña e Lisboa, que traballan en temas relacionados coa xeración da enerxía eólica offshore e que poden achegar o seu coñecemento para fomentar a I+D+i nesta actividade.
Así mesmo, tratáronse as necesidades e estratexias de innovación existentes no sector por parte de GRI Wind Steel Galicia, o Galician Offshore Energy Group e o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).
Por último, analizáronse as posibilidades de financiamento europeo dentro do H2020, principalmente a través do instrumento peme por parte da Director da área Técnica de I+D+i da Universidade de Vigo.











