‘Xornada de Boas Prácticas no Marketing do Viño’ na Casa da Cultura de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O vindeiro 13 de novembro, de 08.30 a 14 horas, a Casa da Cultura de Verín acollerá a ‘Xornada de Boas Prácticas no Marketing do Viño’, organizado pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), coa colaboración do Concello de Verín, PCT Puertas de Galicia, D.O. Monterrei e Instituto Galego de Calidade Alimentaria, entre outras entidades.

Os obxectivos desta xornada son salientar a importancia do marketing nos mercados do viño, coñecer polo miúdo o mercado do viño e as estratexias dos consumidores, dar a coñecer as estratexias de venda (especialmente a venda a través de internet), incidir na importancia do coñecemento das zonas de produción de viño e a súa cultura como estratexia de venda e avaliar a importancia do marketing na exportación a través das experiencias de adegas galegas. A mesma, cun número de máximo de 100 prazas, está destinada a viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico das adegas e dos consellos reguladores, persoal investigador interesado no tema e estudantes.

Durante a ‘Xornada de Boas Prácticas no Marketing do Viño’ terán lugar os seguintes relatorios “Comprensión do mercado do viño e consumidores. Como construír a reputación dunha marca” (a cargo de José Antonio Fraiz Brea, profesor da área de Comercialización e Investigación de Mercados da Universidade de Vigo, e Juan Vázquez García Gancedo, xerente da Adega Martín Códax), “O mercado e a súa importancia na creación de novos proxecto vitícolas. Proxecto Maleta Hand Wines” (impartido por Dionisio Oseira Rodríguez, director de La Maleta Hand Wines), “A importancia do turismo do viño” (de María del Carmen Pita Urgoiti, directora de Promoción e Turismo da Xunta de Galicia) e “A identidade corporativa. A importancia do deseño no marketing. O packaging” (realizado por Marta Lojo, directora de Wine Design Studio, e Manuel Leza Rodríguez, xefe do departamento de deseño da empresa Coreti).

Os/As interesados/as en participar nesta acción formativa deberán inscribirse, antes do 12 de novembro, a través da páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar. E as solicitudes deberán remitirse á Evega por Fax 988-488191 ou correo electrónico evega.medio-rural@xunta.es

4 de novembro de 2014 | 14:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.