Xisela Aranda proclámase campioa galega de squash por décimo ano consecutivo

Xisela Aranda
Este fin de semana celebrouse o torneo máis importante do calendario rexional de squash, o campionato galego absoluto.
A esta cita acudiu a viguesa do Squash Pontevedra Xisela Aranda, co obxectivo de seguir facendo historia neste deporte, e alzarse co campionato rexional por décima vez consecutiva.
Na final Xisela (Squash Pontevedra) enfrontouse á xogadora do Squash Santiago Inés Gómez. Como veu facendo durante toda a competición non cedeu nin un só xogo; o partido comezou a porse de cara para Xisela desde o principio e non deu opción á súa rival en ningún momento, levándose o partido finalmente por 11-4 11-3 11-2.
Desta maneira Xisela consegue o seu décimo campionato Galego consecutivo, que sumado ao quinto Campionato de España que conseguiu este mesmo ano, segue facendo historia neste deporte e proclámase como unha das mellores xogadoras españolas de squash de todos os tempos.
Xisela declaraba: “Foi un torneo importante para min, era unha competición especial porque tiña moitas ganas de gañar ese décimo campionato galego consecutivo, aínda así espero que non quede aí e podamos seguir levándonos moitos máis. Agora toca gozar deste.”
“Gañar 10 seguidos pode parecer fácil pero supón ter unha continuidade moi grande, que non xurdan contratempos que che impidan xogar e que esteas preparada cada ano para gañar esa cita.”
“Síntome feliz de darlle ao meu club Squash Pontevedra este título, agora temos que seguir adestrando para seguir cumprindo obxectivos.”
Xisela ten un reto moi importante nuns días, o mundial coa selección española que se disputa en Canadá do 1 ao 6 de Decembro.











