Xesús Vázquez preside a inauguración de ‘Felipe Criado. Último capítulo. Cadaquén que pense o que queira…’

Xesús Vázquez na presentación
O conselleiro de Cultura, Educación e ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, advertiu na inauguración da mostra celebrada esta tarde no Museo de Belas Artes que ‘Último capítulo’ ofrece “a obra de madurez, de tempo de colleita, na que se condensa a aprendizaxe vagarosa de quen gozou de cada trazo e de cada pincelada”; e que o seu protagonista, o pintor Criado Martín, destacou sempre pola súa capacidade plástica para xerar harmonía e beleza, referíndose a el como “un dos grandes artistas plásticos de Galicia”. O conselleiro estivo acompañado neste acto inaugural pola directora do Museo, Ángeles Penas, e o comisario da mostra, Antón Castro.
“A súa man e a súa mirada de artista –dixo o conselleiro na apertura−, tan comprometidas coa realidade como descubrimos na serie inspirada no bombardeo da cidade de Santander, unha das súas estadías da infancia, pola aviación alemá no primeiro ano da Guerra Civil Española, poden darlle azos a calquera creador que procure unha evolución persoal.”
O conselleiro explicou que Felipe Criado, ademais dunha abondosa obra pintada durante máis de seis décadas escribiu excelentes textos que revelan “as súas posicións estéticas e explican a dimensión conceptual dunha pintura, sempre figurativa e de raíz clásica, que se revelou contra os códigos e os modelos impostos en cada momento.”
Finalmente, Vázquez Abad agradeceulle á familia Criado Boado o apoio incondicional para que esta mostra fose posible. Con esta exposición o Museo de Belas Artes continúa a súa aposta por manter unha programación que renda homenaxe e aporte maior visibilidade pública aos grandes protagonistas da Historia da Arte de Galicia.
Último capítulo
O Museo de Belas Artes da Coruña ofrece desde hoxe e até o vindeiro 11 de xaneiro a mostra de homenaxe ‘Felipe Criado. Último capítulo / Cadaquén que pense o que queira…’, que reúne unha selección de máis de 50 obras do pintor nado en Xixón, malia que galego de adopción, realizadas entre 2008 e 2012 e que corresponden a tres das súas series máis célebres: Santander, Pompeianas e Paraugas. Concretamente, compoñen a exposición un total de 21 cadros de formato individual, un multicadro formado por 16 pezas, e 32 debuxos en papel.
Estas tres series resumen en termos estéticos o proxecto artístico de Criado, en tanto que aluden e representan os símbolos recorrentes que definen a súa identidade creativa: os arquetipos femininos, a natureza, a idea clásica de beleza e unha visión fondamente orixinal e contemporánea da realidade.
Algunhas pezas que cómpre destacar dentro desta mostra son ‘Cadaquén que pense o que queira…’, un multicadro formado por 16 pezas de corenta por corenta centímetros realizado cunha técnica mixta sobre madeira; o lenzo ‘Refuxio, bombas e medo’, da serie Santander; o ‘Tríptico Pompeia’ da serie homónima; ‘Ritmo aéreo de tendencia elíptica’, unha obra unitaria composta por seis cadros que forma parte da serie Paraugas; e o óleo sobre lenzo ‘Autorretrato e retrato extempore’.
Unha fita protagonizada polo propio artista e realizada no seu estudo de Mera dous anos antes do seu pasamento amplifica e completa o noso coñecemento sobre as claves da súa obra e achéganos ao entrañable perfil humano deste gran creador.











