Xavier Vence participa nos Almorzos ON/OFF de Santiago
A demarcación da Santiago do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), coa colaboración de Sargadelos, organiza este acto que dará comezo ás 11:00 horas co ‘OFF’ para colexiados, para dar paso despois ao ‘ON’, a rolda de prensa de libre acceso, ás 11:45. Os medios gráficos poderán tomar imaxes, non audio, antes, durante, e tras o almorzo, e tamén durante a rolda de prensa.
Esta nova rolda de ‘Almorzos On/Off’ comezou o pasado 23 de outubro con Anxo Quintana, continuou con Xoán Bascuas, e está previsto que acudan a eles diversos dirixentes de todas as formacións políticas.
Xavier Vence
Xavier Vence Deza, nado en Rodeiro en 1961, é catedrático de Economía Aplicada e coordinador do grupo de investigación ICEDE na Universidade de Santiago de Compostela. Coordina a Rede REPENSeI (Regulación, Estratexias e Políticas para a Emerxencia de Novos Setores Innovadores) e a Área de Economía do Seminario de Estudos Galegos, e é membro do consello de redacción de A Trabe de Ouro e do consello científico da Revista Galega de Economía e da Revista Principios. Entre 1991 e 1995 foi director do IDEGA e o 17 de marzo do 2013 foi nomeado portavoz nacional do BNG.
Almorzos ON/OFF
Os almorzos On/Off lévanse realizando desde febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións. Estes encontros cos xornalistas, que actualmente se realizan tamén na Coruña, pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas.
O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.











