Walter Astrada denuncia a violencia de xénero con 20 fotografías de Guatemala, El Congo, India e Noruega expostas en Santiago
O fotoperiodista arxentino Walter Astrada presentou en Santiago unha exposición na que expón o seu percorrido a través de catro países no que obtivo unha serie de imaxes co obxectivo de denunciar a violencia de xénero.
A mostra, titulada ‘Violencia contra as mulleres’, é un proxecto para “educar” e “concienciar” a xente sobre un “problema tan grave” como é a violencia de xénero, segundo explicou este xoves o autor, tres veces galardoado co ‘World Press Photo’.
A exposición, no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), en San Lázaro, permanecerá na capital galega durante un mes, e a entrada é gratuíta. Despois trasladarase a outros puntos de España, como as cidades de Valencia, Gijón e Palma de Mallorca.
As vinte imaxes que compoñen este traballo son o resultado do percorrido de Walter Astrada por catro países de catro continentes para, nas súas propias palabras, “denunciar as causas e consecuencias da violencia de xénero”: Guatemala, República Democrática do Congo, India e Noruega.
“O que trato de reflectir é unha visión global da violencia de xénero, evidenciar que afecta a calquera país e que pode afectar a calquera muller de calquera clase social, dun país máis desenvolvido ou menos, dunha relixión ou doutra,…”, destacou o fotógrafo.
Por outra banda, incidiu no caso de Noruega porque, segundo dixo, “hai unha suposta igualdade que non teñen”. Así, Astrada denunciou que este país se considera como un dos “máis seguros do mundo” pero ten entre “oito e dez asasinatos ao ano e entre 8.000 e 12.000 violacións anuais”, polo que mostrou o seu desconcerto en canto ás “variables” que se tomaron para o seu actual recoñecemento.
PROXECTOS DE DENUNCIA
Walter Astrada xa realizara outros traballos nos que denunciaba a violencia contra as mulleres –o ‘World Press Photo’ que gañou en 2007 recibiuno por denunciar a violencia de xénero en Guatemala–, pero para el “cada exposición é diferente á anterior”. Non obstante, afirmou que o “común denominador” de todas elas é que “hai muchísima violencia” nos diferentes lugares”.
O acto de apertura contará coa presenza da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. Esta exposición é un proxecto elaborado pola Organización non Gubernamental para o Desenvolvemento (ONGD) Humana Fundación Pobo para Pobo, que, segundo resaltaron os seus representantes, quere contribuír a “facer visibles as causas, manifestacións e consecuencias” da violencia contra as mulleres e “sensibilizar” ao conxunto da sociedade na “loita contra a violencia de xénero”.











