Vilagarcía conmemora o día de Santa Cecilia cun concerto conxunto do conservatorio, a escola de música e o coro Atril
O Conservatorio Profesional e a Escola de Música de Vilagarcía, en colaboración coa Asociación de Nais e Pais do Ensino Musical, Atril, e a Concellería de Educación organizan un concerto conxunto para conmemorar o día de Santa Cecilia, patroa da música. A actuación terá lugar mañá, venres, no Auditorio, a partir das 20 horas e a entrada é libre e de balde.
No concerto intervirá alumnos e profesores de ámbolos dous centros de ensino musical do Concello así como o coro Siyahamba de Atril, que dirixe Enrique Martínez Rivero. O programa inclúe interpretacións musicais de solistas, dúos, tríos e agrupacións que abordarán un repertorio que abarca distintos estilos musicais e de diferentes épocas.
O programa inclúe obras tan coñecidas da historia da música como o Bolero de Ravel, o Canon de Pachelbel, a Aria de Bozza e outras de compositores da talla de Haendel, Beethoven, Chopin, Debussy, Shostakovich, Rimsky Korsakov, Turina, etc…
A través deste concerto, o público asistirá a un percorrido pola historia da música de todos os tempos co obxecto de conmemorar conxuntamente o día da patroa da música. Foi no ano 1594 cando Santa Cecilia foi nomeada patroa da música polo Papa Gregorio XIII.











