Verín conmemorará o Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero con diversas accións de sensibilización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Baixo o lema “#Non só doen os golpes!!”, a agrupación dos concellos de Verín e Vilardevós do Centro de Información ás Mulleres CIM – Secretaría Xeral de Igualdade, o Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades a través do Programa Irene e a Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) programan varias actividades de sensibilización co obxecto de conmemorar o Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero en Verín, que terá lugar o vindeiro martes 25 de novembro.

Ao longo de todos estes días, e en concreto na mañá do día 25 de novembro, realizarase a campaña de sensibilización polas diferentes rúas e prazas da localidade, así como nas redes sociais. Todos/as interesados/as en participar nas mesmas poderán realizalo no Facebook de Igualdade-Verín-CIM, no twitter @CIMVERIN co hashtag #nonsodoenosgolpes, ou tamén no vídeo que se está a deseñar para manifestar persoalmente o rexeitamento á violencia de xénero.

Durante a tarde as actividades trasladaranse ao salón de actos da Casa da Cultura de Verín coa realización dunha Xornada Reflexiva. A mesma se iniciará ás 18 horas co testemuño de Aurora, vítima de violencia ela e a súa familia, seguido unha hora máis tarde do relatorio ‘Onde estás? A quen escribes? Por que te conectaches? Novas formas de violencia entre a xuventude’, a cargo dun técnico do Proxecto Irene (Programa do Instituto da Muller Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades, de información, formación e prevención da violencia sexual en mozos/as e adolescentes, cofinanciado polo Fondo Social Europeo no ámbito do Programa Operativo Loita contra a discriminación de programación 2007-2013). Ademais, este técnico tamén acudirá aos centros de ensino de Verín para sensibilizar a poboación máis nova sobre este tema, que lles afecta tan de cheo, sobre todo no mal uso das novas tecnoloxías.

Ás 20.30 horas, e se tempo o permite, terá lugar unha concentración cidadá diante da Casa Consistorial de Verín (Praza do Concello), no que se procederá ao reparto de lazos cor violeta e á lectura dun manifesto de repulsa en contra desta lacra que sacude a sociedade e visibilizando un problema que coa crise se está agudizando (no caso de inclemencias meteorolóxicas este acto terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Verín).

18 de novembro de 2014 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.