Verín conciencia co ‘Cine con Fondo’ fronte a desigualdade de xénero
Verín acolle ao longo desta semana un ‘Ciclo de Cine con Fondo’ sobre as desigualdades de xénero, no marco da programación polo Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, que se conmemora mañá martes 25 de novembro.
‘Auga’, ‘O sorriso de Mona Lisa’, ‘Iron jawed angels’ e ‘Princesas’ son os títulos que se proxectan para os/as nenos/a e mozos/as que forman parte das actividades programadas na Escola de Familia Municipal. O videofórum está organizado polo Concello en calidade de membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Este ciclo cinematográfico ofrece unha visión crítica dos roles de xénero asignados nas sociedades nas que vivimos, o conxunto de expectativas diferentes para mulleres e homes que marcan a diferenza respecto de como ser, como sentir e como actuar. Un concepto que é fundamental comprender para entender tamén as inxustizas que xera. As películas propostas son ademais un chamamento á desestruturación destes papeis para acadar a equidade.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 87 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.











