publicidade hoxe

“UP + Un paso máis” chegou ao seu fin en Tomiño con 14 novos emprendementos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+
Clausura do curso de dinamización

Clausura do curso de dinamización

O programa “UP+ Un paso máis”, posto en marcha no pasado mes de maio polo Concello de Tomiño,coa finalidade de fomentar o autoemprego, a través da súa Oficina de Desenvolvemento Local, chegou ao seu fin con resultados máis que esperanzadores.

O acto oficial de clausura tivo lugar onte, 19 de novembro, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura, coa presenza da alcaldesa de Tomiño, Sandra González; os coordinadores do programa, Susana Rodríguez e Juancho Armental, da consultora Arestora, empresarios e emprendedores participantes no proxecto.

O programa “UP+ Un paso máis”, estivo dirixido a emprendedores/as, e a empresarios/as interesados en mellorar a competitividade dos seus negocios, creando unha rede de colaboración entre as empresas do municipio, e desenvolveuse ao longo de seis meses nos que foron xurdindo diferentes proxectos empresarias.

Os participantes que comezaron o programa foron 22, dos que 14 chegaron até o final, con proxectos de emprendemento ou con melloras nas empresas que xa teñen.

Os proxectos de emprendemento xurdidos a raíz deste programa, e que foron expostos polos seus protagonistas durante o acto de onte, teñen que ver cos sectores de servizos, decoración de espazos, comercialización produtos gastronómicos ecolóxicos e de proximidade, camisetas artesás, márketing on line, perfumes marca branca, servizo á persoas dependentes, gabinetes psicopedagóxico, empresas de formación e novas tecnoloxías, hostelería, servizos forestais, guías turísticas e xestión de eventos culturais.

A alcaldesa agradeceu o traballo desenvolto, salientando a calidade da formación e o apoio (coaching) prestado polos coordinadores, e desexou moita sorte aos novos emprendedores nas súas novas empresas. Asemade, deu as grazas aos empresarios que transmitiron a súa experiencia aos participantes.

20 de novembro de 2014 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.