Uns 50 alumnos do CPR Plurilingüe María Inmaculada visitan a Biblioteca de Verín

Visita dos escolares
Nas dúas últimas xornadas, cincuenta alumnos/as de 1º de Primaria do CPR Plurilingüe María Inmaculada visitaron a Biblioteca Pública Municipal de Verín, dentro do programa de actividades organizadas ao longo do curso escolar por esta instalación.
Durante a mesma, estes menores coñeceron o servizo bibliotecario e funcionamento do mesmo -que inclúe tamén explicación de todos os espazos físicos-; así como, as diferentes actividades educativas e lúdicas que se programan ao longo do ano. Todas estas actuacións están destinadas a fomentar o interese pola lectura e cultura nos/as nenos/as, dinamizar a biblioteca, xerar o hábito de acudir a esta instalación municipal e propiciar a labor de voluntariado entre os/as usuarios/as da mesma.
Esta visita constitúe a novena destas características, organizada pola Biblioteca de Verín nos últimos cinco anos, xa que en ocasións anteriores acudiron os/as alumnos/as do Colexio Rural Agrupado de Monterrei, CEIP de Oímbra, CEIP O Castiñeiro de Laza e CEIP Princesa de España.











