Uns 40 alumnos fórmanse na Coruña nun curso básico de prevención de riscos laborais
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), organismo dependente da Consellería de Traballo e Benestar, está a desenvolver esta semana a derradeira edición do curso básico de prevención de riscos laborais no seu centro da Coruña, e que conta cun total de 40 alumnos.
Os obxectivos desta formación, de 35 horas de duración, son proporcionar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención e dotar ao empresariado da formación e dos coñecementos que os capaciten para xestionala nas súas propias empresas ou centros de traballo.
Durante este ano 2014, o ISSGA desenvolveu 12 edicións do curso básico de prevención de riscos laborais, catro delas nos seus centros da Coruña e Pontevedra e dúas nos de Lugo e Ourense, aos que asistiron un total de 461 persoas.
Entre esas funcións de nivel básico, están a de promover os comportamentos seguros e a correcta utilización dos equipos de traballo e protección e fomentar o interese e cooperación dos traballadores nunha acción preventiva integrada; realizar avaliacións elementais de riscos e, no seu caso, establecer medidas preventivas do mesmo carácter, compatibles co seu grao de formación; colaborar na avaliación e o control dos riscos xerais e específicos da empresa, efectuando visitas para o efecto, atención a queixas e suxestións, rexistro de datos, e cantas funcións análogas sexan necesarias; actuar en caso de emerxencia e primeiros auxilios xestionando as primeiras intervencións para o efecto e, de ser o caso, cooperar cos servizos de prevención.
A Lei de prevención de riscos laborais establece a obriga de proporcionar aos traballadores a formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo. Así mesmo, esta normativa encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de traballo.
Nesta liña, a oferta formativa do ISSGA, que se desenvolve tanto presencialmente nos seus centros provinciais, como en liña, e a través da aula virtual, ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia dando cumprimento ao “Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais en Galicia 2011–2014”.
A formación en prevención de riscos no traballo, encamiñada á mellora do nivel de coñecemento técnico, constitúe unha das ferramentas máis axeitadas para implantar na sociedade unha auténtica cultura da prevención. Nesa liña, aparte deste programa formativo destinado á poboación traballadora e aos expertos en prevención, o Instituto desenvolve outras campañas e actividades que pretenden inculcar xa desde a infancia a importancia da prevención, así como plans de asesoramento técnico de carácter sectorial a empresas e tarefas de investigación de accidentes, entre outras accións.
Esta actuación encádrase dentro do “Plan Anual de Actividades do ISSGA”, e forma parte da oferta formativa deste organismo para o ano 2014.











