Uns 20 exemplares participarán no concurso do Club Español del Perro Bouvier de Berna
José Manuel LópezVarela, alcalde da Laracha e os concelleiros José Ramón Martínez Barbeito, Patricia Bello e Rocío López, recibiron hoxe no Salón de Plenos a Alfredo Núñez, membro da xunta directiva do Club Español del Perro Bouvier de Berna (CEPBB) con motivo da presentación do III e IV concursos monográficos desta raza de cans que se vai celebrar no pavillón do IES Agra de Leborís da Laracha ao longo da fin de semana.
No evento principal agárdase a participación dunha vintena de exemplares tanto no monográfico do sábado como no do domingo, todos procedentes de diversos puntos de Galicia. Entre eles haberá cinco cans que foron campións de beleza en España, Portugal e Xibraltar.
Ademais do concurso competitivo, a organización porá en marcha un amplo programa de actividades e charlas informativas relacionadas coas posibilidades terapéuticas que ofrecen os Bouvier de Berna tanto con persoas diversas funcionais como por enfermos de alzhéimer. Tamén haberá un concurso infantil de mascotas.
O evento principiará o sábado ás 10:00 horas coa recepción dos criadores e participantes no III Concurso Monográfico do CEPBB, abríndose tamén nese momento as portas do pavillón ao público en xeral.
A partir das 11:00 horas haberá unha sesión informativa dirixida a nenos de seis a doce anos de idade na que se tratarán aspectos sobre a linguaxe canina, os principais valores de convivencia cos cans e a importancia do coidado e o aseo das mascotas.
Paralelamente, desde as 11:30 horas realizaranse senllas accións terepéuticas nas que participarán, por unha parte, alumnos de Aspaber (Asociación de Pais de discapacitados psíquicos de Bergantiños) e, por outra banda, familiares e enfermos de alzhéimer de Bergantiños a través de Afaber. Neste último caso presentarase na Casa da Cultura o manual para implementar as intervencións asistidas con cans no ámbito desta enfermidade.
A xornada de mañá concluirá cunha mesa coloquio que versará en torno á displasia renal canina e que principiará ás 12:30 horas.
O sábado pola tarde, a partir das 15:30 desenvolverase a primeira edición do concurso infantil Mi mascota, no que poderán expoñer os seus cans todos os nenos de entre seis e doce anos de idade que previamente se inscriban para facelo no propio lugar de celebración do evento.
A continuación, desde as 16:30 horas, terá lugar a valoración do III Concurso Monográfico do Can Bouvier de Berna.
Na xornada do domingo todos os actos se realizarán en horario de mañá. Para as 10:00 horas está programada a recepción dos criadores e participantes no IV Concurso Monográfico do can Bouvier de Berna, que comezará ás 12:30 horas e que terá un xuíz diferente ao da xornada anterior. Ambas probas son puntuables para a obtención do título de Campión Absoluto e Campión Xove do CEPBB, en ambos casos tanto macho como femia. Ademais, haberá trofeos para as diferentes clases (cachorros, intermedia e aberta), mellor lote de cría e mellor parella.
Tamén o domingo a partir das 11:00 horas terá lugar a conferencia, que concluirá con mesa coloquio, sobre pataloxías músculo-esquelética desta raza de can e a súa rehabilitación terapéutica.
Ao longo de todo o programa de eventos a asistencia está aberta ao público en xeral, propoñendo os organizadores a doazón dun quilo ou litro de alimentos non perecedoiros a modo de achega simbólica en concepto de entrada. Ditos alimentos serán doados a Cáritas Parroquial da Laracha.











