Uns 150 escolares participarán nun pleno infantil en Vilagarcía con motivo do Día dos Dereitos da Infancia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O salón de Plenos do Concello rexuvenecerá mañá con motivo do Pleno Infantil que se desenvolverá a partir das 10:30 horas para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos da Infancia. Máis de 150 nenos e nenas de seis colexios do municipio participan na iniciativa na que este ano colabora Unicef, dado que se conmemora o 25 aniversario da Convención Dereitos da Infancia.

A de mañá será a novena edición do Pleno Infantil organizado pola Concellería de Xuventude co obxectivo de promover a participación dos nenos e nenas da vida social e na organización da súa contorna, un dos dereitos que se recollen na Declaración. Os nenos e nenas teñen dereito a ser escoitados e a que súas ideas se teñan en conta, e para iso é preciso que saiban os camiños existentes para facerse oír. A organización deste Pleno, permítelles coñecer o sistema e funcionamento da institución máis próximas a eles, o Concello.

Ademais de facilitar de xeito práctico o coñecemento das regras do sistema democrático e plural a través do funcionamento dun dos seus órganos máis próximos ao cidadán, o Pleno Infantil serve para informar aos alumnos sobre o proceso que levou á aprobación da Declaración dos Dereitos da Infancia a proposta de Unicef no seo da ONU. Os estudantes terán a oportunidade de coñecer os principios que rexen os 10 artigos que integran esta declaración, e poderán reflexionar sobre as situacións nas que se conculcan eses dereitos e buscar alternativas para que se respecten. Con isto tamén se pretende conciencialos en principios de respecto, igualdade e solidariedade.

Este ano participarán no Pleno Infantil alumnos de 5º e 6º curso dos colexios Arealonga, A Lomba, Sagrada Familia, San Francisco, Vilaxoán e Rubiáns. Previamente á sesión de mañá, alumnado e profesorado traballaron nas aulas os temas e propostas que defenderán no Pleno. A diferencia doutros anos, esta vez, Xuventude e Unicef plantearon as temáticas aos colexios co obxectivo de que a sesión aborde aspectos variados e que os cativos poidan reflexionar sobre diferentes temas Declaración dos Dereitos da Infancia. Así, os alumnos do Arealonga abordarán o Dereito á Protección da Infancia; os de Rubiáns, o dereito ao xogo; os do Sagrada Familia e San Francisco exporán propostas de participación infantil; os da Lomba abordará situacións relativas ao dereito á Familia e os de Vilaxoán tratarán sobre a Igualdade.

A sesión seguirá o modelo de costume. Constituirase unha corporación composta por 21 membros na que cada colexio contará co número de edís proporcional ao número de alumnos do centro, a modo de paralelismo co reparto de representatividade que se fai nas eleccións municipais en función aos votos obtidos por cada candidatura. Logo constituirase a mesa de idade e procederase á elección de alcalde ou alcaldesa. Por último, cada grupo presentará as súas mocións ao Pleno.

19 de novembro de 2014 | 10:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.