Unhas 80 mulleres participarán no encontro autonómico de mulleres con discapacidade en Pontevedra
Un grupo formado por oitenta mulleres con discapacidade (procedentes de concellos como Ferrol, A Coruña, Santiago, Vigo, Bueu, Pontevedra, Mos, Ourense, Monforte, Lugo, Ames, Boiro, Marín, Narón, Cesantes, Rianxo, Boiro e Cedeira) van asistir mañá sábado, 22 de setembro, dende as 11 ata as 19 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra ao Encontro Autonómico de mulleres con capacidade.
O encontro vai ser inaugurado ás 11:00 horas pola Presidenta de ACADAR (Asociación de mulleres con discapacidade de Galicia), Mónica Álvarez San Primitivo, a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella e o Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Entre os temas que se van tratar durante a xornada están a charla “Da participación social ao empoderamento das persoas” que vai impartir a poeta compostelá e activista social, Luz Fandiño, que iniciará ás 11:15 horas. Ás 12:15 mulleres con discapacidade contarán en primeira persoa como participan en diferentes ámbitos da sociedade dentro da mesa de experiencias: “Eu comparto. O activismo en primeira persoa”. Ás 13.30 horas a técnica de comunicación de COGAMI, Cristina Pet Canto, presentará unha ponencia sobre as novas ferramentas de comunicación que utilizamos actualmente para relacionarnos entre as persoas e os seus beneficios e inconvenientes.
Pola tarde, de 16 a 19 horas, desenvolveránse varios obradoiros de expresividade do corpo a través do teatro, de liberación do estrés a través do zumba, de autoestima como base do empoderamento e de linguaxe inclusiva.











