Unha policía e un atracador mortos tras un tiroteo no atraco a unha sucursal de Abanca en Vigo

Lugar no que se produciu o atraco. Foto: Europa Press
Unha axente de Policía e o atracador faleceron este venres tras un tiroteo nunha entidade bancaria situada na rúa Doutor Carracido de Vigo, segundo confirmou a Policía Nacional.
O asalto tivo lugar nunha sucursal de Abanca sobre as 14,15 horas. A axente policial, de 36 anos, chegou a ser atendida por efectivos sanitarios, pero, a pesar de ser reanimada e trasladada a un hospital, faleceu no quirófano. Ademais, outro efectivo policial, de 41 anos, foi trasladado en ambulancia a un centro hospitalario con varias feridas de bala.
Durante o asalto tamén morreu abatido o atracador, quen collera como refén á subdirectora da sucursal, de 36 anos, e utilizouna como parapeto para tratar de escapar. A muller foi alcanzada por unha bala nunha extremidade, aínda que as feridas foron de carácter leve, e foi trasladada ao hospital Povisa.
Até o lugar trasladáronse o helicóptero e efectivos da Policía Nacional, unha ambulancia do 061, e axentes da Policía Local, que acordoaron a zona e cortaron a rúa. Ademais, tamén se pesoaron o comisario provincial de Pontevedra, a comisión xudicial, a Policía Científica, e o concelleiro de Seguridade de Vigo, Carlos López Font.
Ademais, fontes da Policía confirmaron que se chegou a mobilizar a un negociador, pero finalmente esta intervención non se chegou a producir debido a que se abriu fogo.
ESCOITA: “ALTÓ AÍ!”
Unha testemuña presencial trasladou aos medios de comunicación que saía do seu garaxe -situado a poucos metros da sucursal- cando se produciu o atraco. Así, indicou que escoitou gritar “alto aí”, tras o que escoitou dous disparos, que supostamente realizaría o atracador.
Nese momento, a testemuña volveuse a meter dentro do garaxe, desde onde escoitou “oito ou nove disparos máis”. Máis tarde, saíu ao exterior, onde atopou a unha axente de policía “tirada no chan, cuberta de sangue e botando sangue pola boca” e a outro axente tentando auxiliala, explicou.
Igualmente, indicou que a poucos metros localizou tamén a outro mozo, o presunto atracador, que estaba tendido no chan falecido. A testemuña asegurou que o tiroteo se produciu a pouca distancia entre os axentes e o atracador, aínda que indicou descoñecer se había máis dun ladrón.











