Unha muller foi detida pola morte da octoxenaria de Carballo
Unha muller de 46 anos de idade e veciña de Carballo foi detida como suposta autora do homicidio da octoxenaria cuxo cadáver foi achado este domingo neste municipio coruñés, segundo informou a Garda Civil.
Os feitos ocorreron o pasado sábado no domicilio da vítima, unha muller de 87 anos de idade que vivía soa na rúa Sol de Carballo. Segundo a Garda Civil, ambas as mulleres mantiñan unha relación de amizade, polo que a agora detida non tivo dificultade para acceder ao interior da vivenda.
Despois de que o fillo da vítima atopase o cadáver da octoxenaria o domingo pola mañá, a Garda Civil iniciou a investigación que culminou coa detención en 36 horas da suposta autora do homicidio.
Ademais, a autoridade xudicial ordenou un rexistro no domicilio da detida, no que se recuperaron numerosas xoias que foran subtraídas da vivenda da vítima. A detida está a disposición do Xulgado número un de Carballo.
O arresto produciuse á primeira hora da tarde deste luns e foi practicado por axentes da Garda Civil adscritos á Unidade de Policía Xudicial da Coruña, en colaboración con membros do posto de Carballo.











