Unha imaxe do amencer dende o porto de Caión gaña o I Concurso de Fotografía móbil “Mar de Caión”

Foto gañadora
Unha imaxe do amencer dende o porto de Caión resultou gañadora do I Concurso de Fotografía Móbil “Mar de Caión”, convocado polo Concello da Laracha e que se levou a cabo a través da rede social Facebook entre o 29 de outubro e o 9 de novembro de 2014.
O autor da fotografía, titulada “Amencer en Caión un día de pesca”, é Juan Varela, natural de Arteixo e afeccionado á pesca submarina. A instantánea foi captada no peirao de Caión, dende onde en moitas ocasións parte cedo coa súa embarcación para gozar dunha xornada de pesca. “Paga a pena madrugar para poder ver dende o mar eses amenceres, así coma os solpores”, confésanos Juan.
Con 243 “me gusta” a súa fotografía foi a máis votada entre as 57 presentadas ao concurso. Polo tanto Juan Varela poderá gozar dunha comida ou cea para dúas persoas nun establecemento da rede de hostaleiros “Mar de Caión”.
A ferramenta escollida para a celebración deste concurso foi a rede social Facebook. Co fin de aumentar esta comunidade e afianzar a xa existente, para participar foi necesario ser fan da páxina de Facebook “Mar de Caión”. Un obxectivo cumprido, pois a fan page pasou durante os dez días de certame dos 602 aos 718 seguidores.
Outra condición fundamental para optar ao premio foi que as fotografías estiveran realizadas cunha cámara de dispositivo móbil (teléfono ou tableta), requisito que foi comprobado antes de proclamar publicamente como gañador a Juan Varela.
Este certame está enmarcado na segunda fase do proxecto GAC financiado con fondos europeos “Mar de Caión”, que ten como principal cometido promover e dar a coñecer os recursos relacionados co mundo e a cultura mariñeira e o coidado do contorno natural de Caión.











