Unha avaría na rede eléctrica paraliza parte da actividade da Estación de Tratamento de Auga Potable da Telva
Unha avaría na rede de subministración de enerxía eléctrica provocou onte a paralización parcial durante unhas horas da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) da Telva, que abastece á cidade da Coruña e á maior parte da súa área metropolitana.
Ao redor das 13.00 horas, e por mor das intensas tormentas ─segundo fontes de Gas Natural-Fenosa─ produciuse a interrupción da subministración de enerxía eléctrica na liña de San Marcos, da que depende a ETAP. Inmediatamente púxose en marcha o protocolo de emerxencia previsto para estes casos e que consiste en activar os grupos electróxenos que garanten aproximadamente a metade do caudal medio de consumo necesario. Ao mesmo tempo adoptouse unha serie de modificacións na rede de abastecemento para axustar o consumo e adecuar a distribución ás circunstancias excepcionais.
Con estas dúas medidas logrouse que durante as preto de seis horas que durou a incidencia os clientes de EMALCSA non notaran alteración algunha no servizo.
No entanto, e unha vez recuperada a subministración eléctrica, pasadas as 19.00 horas, os técnicos de EMALCSA están a proceder a repor o sistema de tratamento e bombeo aos seus niveis habituais. Trátase dunha operación delicada e que require de extrema precaución para evitar que as conducións se vexan afectadas por bruscos cambios de presión. Está previsto que este proceso de normalización quede completado ao longo da próxima madrugada.
É posible que debido a esta circunstancia excepcional se produzan nas próximas horas algúns episodios puntuais de turbidez na auga. EMALCSA reitera unha vez máis que os minuciosos controis de calidade que aplica aos seus procesos garanten que a auga fornecida é en todo momento apta para o consumo humano e que responde a todos os criterios de potabilidade.
Desde o mesmo instante en que se produciu a interrupción, todo o persoal de EMALCSA se mobilizou para minimizar o impacto da incidencia. Está previsto que durante as próximas horas todas as brigadas e cadros técnicos da empresa permanezan en máxima alerta para liquidar calquera inconveniente que poida xurdir. A incidencia de onte xerou unha situación excepcional que non se producía na ETAP da Telva desde fai máis de sete anos, pero que serviu para demostrar na práctica que os protocolos ante circunstancias imprevistas funcionan de maneira adecuada. En calquera caso, nas próximas horas analizarase o sucedido en colaboración coa subministradora de enerxía eléctrica para previr futuras situacións de similares características.
O presidente de EMALCSA e alcalde da Coruña, Carlos Negreira, estivo permanentemente informado dos feitos e da súa xestión. Así mesmo trasladou a través da Dirección Xeral a súa felicitación aos traballadores polo esforzo realizado durante toda a xornada.
EMALCSA informa aos seus clientes de que teñen á súa disposición o teléfono permanente 981 24 23 22 para comunicar calquera incidencia, ben na subministración aos seus fogares, ben en calquera punto da rede. A empresa agradece a colaboración dos seus abonados, que repercute nun constante esforzo por mellorar o servizo.











