publicidade hoxe

Unha achega de 540.000 euros permitirá executar melloras na depuradora e na rede de colectores de Neda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O Consello da Xunta de Galicia autorizou hoxe o proxecto de acordo polo que se aproba a colaboración técnico-financeira da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas co Concello de Neda para a execución de melloras no sistema de saneamento e depuración deste municipio.

O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, achega un importe de máis de 540.000 euros para a execución das actuacións hidráulicas. A Xunta financia o 100 % destas obras co fin de dotar este concello daquelas infraestruturas das que carece, fomentando así o seu desenvolvemento económico e social.

Este proxecto comprende a execución dos traballos necesarios para solucionar os problemas de funcionamento da estación depuradora de augas residuais (EDAR) e da rede de colectores do concello de Neda. Estas obras beneficiarán a 4.757 habitantes deste municipio coruñés.

Na actualidade o sistema de saneamento de Neda presenta problemas de infiltracións na rede de colectores da zona rural, incompatibilidade do bombeo da estación de ferrocarril cun adecuado funcionamento da EDAR e incorrecta actividade do decantador secundario da depuradora.

Para resolver as citadas problemáticas no sistema de saneamento, levarase a cabo a renovación de colectores, evitando así a produción de augas brancas que se infiltran na rede e que proceden de mananciais e regatos.

O proxecto tamén recolle actuacións no bombeo da estación de ferrocarril, adecuando o seu réxime de funcionamento tanto á poboación servida como a un mecanismo compatible co bombeo de cabeza da planta. Para isto, dotarase este sistema de variadores de frecuencia que permitan axustar os caudais bombeados a valores próximos aos 50 m3/h.

Na depuradora executaranse optimizacións no sistema de pretratamento co fin de solucionar as súas carencias. Substituirase o pretratamento existente por unha planta compacta que inclúe cribado de grosos, transporte e compactación de residuos sólidos, desareado por decantación e desengraxado por flotación. Ademais, procederase á realización de melloras no decantador secundario, adaptando o comportamento deste equipamento a valores de funcionamento axeitados, instalando un módulo de 8,50 metros de longo, 2 metros de ancho e 1 metro de alto

20 de novembro de 2014 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.